Skip to main content

A Xunta de Centro coñece as últimas novidades sobre a rehabilitación da Biblioteca

Fachada da Facultade de Xeografía e Historia. FOTO: Santi Alvite
Fachada da Facultade de Xeografía e Historia. FOTO: Santi Alvite
A solución seleccionada pola Xerencia implica que se realizará o traslado dos fondos documentais a outras localizacións mentres duren as obras

O decano da Facultade de Xeografía e Historia, Marco V. García Quintela, informou na última Xunta extraordinaria do centro das xestións realizadas ante distintas administracións para o traslado dos volumes da colección e a rehabilitación da Biblioteca de Xeografía e Historia para resolver os problemas de seguridade estrutural ocasionados polo excesivo peso dos libros nos lugares que ocupan na actualidade.

Tal como se indicou na xuntanza, o plan director da Facultade presentado en 2021 polo Consorcio da Cidade de Santiago e seguidamente aprobado polas distintas instancias que tiñan competencias no tema, xa sinalaba importantes eivas na situación da biblioteca. En meses pasados estudouse a posibilidade de cambiar a colocación dos libros de Historia Contemporánea; antes de adoptar a medida, Isabel Sempere, directora da biblioteca da Facultade, sinalou a necesidade dun informe complementario sobre a situación dos forxados do chan, tendo en conta o xa indicado no plan director da Facultade. Este informe solicitouse e tramitouse nos meses de marzo e abril co seguimento do tema co Servizo de Infraestruturas da USC.

Resultado desta iniciativa foi o informe da firma de enxeñaría Mecanismo. Ingeniería de Estructuras do 8 de maio de 2024, que sinala a necesidade de baleirar tres quintas partes do peso do depósito da biblioteca. Vistos os riscos, a Xerencia da USC solicitou un informe complementario ao servizo de Infraestruturas da USC para orzamentar os custos das medidas a tomar para resolver a situación. A solución seleccionada pola Xerencia implica o acondicionamento de espazos no edificio que actualmente ocupa a cafetería da Facultade para que recollan estes fondos nas mellores condicións posibles e nos sotos do edificio de Filosofía.

Na Xunta de Facultade tamén se analizou o proceso de reforma dos plans de estudos dos tres graos do centro e abordouse a situación do peche no edificio organizado pola Asemblea Internacionalista de Estudantes e Traballadores de Compostela.

The contents of this page were updated on 06.13.2024.