Skip to main content

Bota a andar a Cátedra institucional en Saúde Ambiental, focalizada no estudo do efecto de contaminantes interiores e exteriores

Gumersindo Feijoo, esquerda, Alberto Ruano, Antonio López, Antonio Gómez Caamaño e Carmen Durán con parte das persoas asistentes á presentación. FOTO: Santi Alvite
Gumersindo Feijoo, esquerda, Alberto Ruano, Antonio López, Antonio Gómez Caamaño e Carmen Durán con parte das persoas asistentes á presentación. FOTO: Santi Alvite
Dirixida polo profesor Alberto Ruano, é unha iniciativa novidosa no ámbito estatal que permitirá detectar novos riscos para a saúde das persoas

Valorar o impacto do cambio climático e da calidade do aire exterior e interior, incluíndo o radon, na saúde da poboación galega é o cometido da Cátedra institucional en Saúde Ambiental da Universidade de Santiago que conta co financiamento da Consellaría de Sanidade e que se presentou este venres no Colexio de Fonseca. A presentación tivo lugar nun acto institucional que presidiu o reitor Antonio López e no que ademais participaron o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo; e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, así como o director da cátedra, o catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública Alberto Ruano. O médico epidemiólogo e catedrático de Medicina preventiva e saúde pública da Universidade Autónoma de Barcelona, Miquel Porta Serra, pronunciou ademais a conferencia ‘Medicina, saúde ambiental e saúde pública’.

O reitor Antonio López subliñou que esta cátedra é “unha iniciativa novidosa no ámbito estatal” e que serve para “achegarmos o coñecemento universitario á cidadanía” e manter a colaboración coa Consellaría “para formar novos profesionais sanitarios” e “estudar, difundir e coñecer as influencias das condicións ambientais na saúde das persoas”. Salientou ademais a “longa tradición de colaboración” entre Sanidade e a USC e apostou por “seguir avanzando” nela, con actividades de formación, investigación e asistencia.

Pola súa banda, o conselleiro Antonio Gómez Caamaño indicou que a galega é “a mellor sanidade pública de España”, entre outras razóns por estar “sustentada no traballo dos investigadores” e avogou porque a nova cátedra sirva para “detectar novos riscos para a saúde das persoas” e para que o traballo da comunidade investigadora permita “continuar mellorando as políticas de saúde pública en Galicia”.

Sen lugar para o negacionismo
Nesta presentación da cátedra, o seu director, Alberto Ruano, explicou os pormenores das actividades a desenvolver no marco desta iniciativa institucional ademais de advertir da necesidade de que os países “muden os seus patróns produtivos e de consumo a situacións de emisión neutra, sen esquecer a xustiza para os países en desenvolvemento que teñen dereito ao progreso”.

“Fronte a novos fenómenos emerxentes, como os microplásticos ou os cambios nos patróns das enfermidades transmitidas por vectores, non hai lugar para o negacionismo climático nin para a condescendencia e cada xesto conta”, manifestou Ruano, quen ademais é investigador do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS) e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (Idis),

A cátedra
Entre as numerosas actividades a desenvolver pola cátedra, e en particular sobre o radon, o seu director avanzou a ampliación do Mapa de Radon de Galicia “con polo menos 300 medicións anuais” e o remate dun novidoso buscador interactivo da súa concentración nos ámbitos provincial, comarcal, municipal e por sección censual.

A cátedra está tamén traballando no podcast ‘Epidequé’ sobre cuestións que afectan a saúde ambiental así como nunha ferramenta para concellos que especifique un conxunto mínimo de indicadores ambientais que deberían ter en conta nas súas políticas locais para seren concellos responsables desde un punto de vista ambiental. Tamén dirixido aos concellos, crearase unha infografía coa finalidade de protexer a poboación máis vulnerable en contornas rurais da exposición á biomasa procedente das cociñas de leña ou lareiras.

O grupo de investigación
Será o grupo de investigación ‘Epidemioloxía, Saúde Pública e avaliación de servizos de saúde’ da USC quen se encargue das actividades da cátedra. Este grupo é o segundo en produción científica da USC e o que máis está publicando no Estado no campo do efecto do fume ambiental de tabaco nunha liña que dirixe a profesora Pérez Ríos e que ten demostrado que en España se producen anualmente máis de 2.000 falecementos como consecuencia da exposición a este fume.

O equipo, líder internacional na investigación en radon residencial nos últimos 10 anos, traballa ademais no estudo ASHES da Sociedade Española de Patoloxía Respiratoria para valorar o efecto da erupción do Volcán Cumbre Vieja en La Palma e que xa demostrou, cunha importante achega da profesora Cristina Candal, subdirectora da cátedra da USC, un impacto na saúde respiratoria e nos síntomas dos seus habitantes trala erupción.

Parte do público asistente ao evento. FOTO: Santi Alvite
Parte do público asistente ao evento. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 06.14.2024.