Skip to main content

O proceso penal e o sistema de xustiza ante a irrupción da Intelixencia Artificial, a debate nun congreso internacional en Santiago

O reitor Antonio López presidiu a inauguración do encontro. Foto: Santi Alvite
O reitor Antonio López presidiu a inauguración do encontro. Foto: Santi Alvite
O encontro estrutúrase en mesas de debate que debullarán polo miúdo as aplicacións da IA no dereito procesal

A sala de xuntas da Facultade de Dereito está a ser a sede dun congreso internacional sobre a afectación da Intelixencia Artificial no proceso penal e o sistema de xustiza. O encontro inaugurouse este martes nun acto que presidiu o reitor Antonio López e no que tamén participaron o presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), Vicente Guilarte Gutiérrez; o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo Pouso; a decana da Facultade de Dereito, Ana Mª Gude Fernández; a profesora de Dereito Procesal da USC e directora do congreso, María Lourdes Noya Ferreiro; e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde.

A continuación tivo lugar a primeira das mesas de debate, sobre a eficacia da Intelixencia artificial na súa aplicación no sistema de xustiza penal, na que interviñeron Víctor Moreno Catena, catedrático de Dereito Procesal da Universidade Carlos III de Madrid e presidente da Fundación Intelixencia Artificial Legal (FIAL); Gonzalo Quintero Olivares, catedrático de Dereito Penal da Universidade Rovira I Virgili, e Vicente Pérez Daudí, catedrático de Dereito Procesal da Universidade de Barcelona e director da Fundación Serra Domínguez.

A sesión da mañá completouse cun panel sobre a IA e a cesión de datos no que participarán Ignacio Colomer Hernández, catedrático de Dereito Procesal da Pablo de Olavide de Sevilla; José Luis Rodríguez Lainz, maxistrado do Xulgado de Instrución número 4 de Córdoba; e María Ángeles Catalina Benavente, profesora de Dereito Procesal da Universidade de Santiago de Compostela.

A aplicación dos sistemas de IA e a súa valoración no proceso penal é a temática a tratar no panel de debate da tarde, no que participan Belén Hernández Moura  e Jessica Laura Jullien, da Universidade Carlos III de Madrid, e Inés Iglesias Canle, catedrática da Universidade de Vigo.

Xornada do mércores
‘As ferramentas da IA como instrumentos na investigación criminal’ é o título da primeira mesa de debate do mércores na que interveñen o maxistrado da Audiencia Nacional Eloy Velasco Núñez, e a profesora de Dereito Procesal da USC e directora do congreso, María Lourdes Noya Ferreiro.

O evento complétase con outras dúas mesas de debate. Ás 12:00 horas sobre os sistemas de IA e as decisións xudiciais, coa intervención de Bernardino Varela Gómez, profesor de Dereito Procesal da USC; María Jesús Ariza Colmenarejo, profesora da Autónoma de Madrid; e Raquel Castillejo Manzanares, catedrática de Dereito Procesal da USC. A última será ás 17.00 horas, baixo o título ‘Intelixencia Artificial Xenerativa e Xustiza’ na que participarán Juan Gustavo Corvalán, da Universidade de Bos Aires (Arxentina) e director do Laboratorio de Innovación e IA desa Universidade, e Orión Vargas Vélez, profesor da Universidade de Medellín (Colombia).

De esquerda a dereita, José María Gómez, Vicente Guilarte, Antonio López, Diego Calvo e María Lourdes Noya. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, José María Gómez, Vicente Guilarte, Antonio López, Diego Calvo e María Lourdes Noya. Foto: Santi Alvite
Público asistente ao encontro. Foto: Santi Alvite
Público asistente ao encontro. Foto: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 06.18.2024.