Skip to main content

José Yáñez expón en Fonseca a súa mostra de debuxos 'Miradas a Compostela'

José Yáñez diante dunha das obras da exposición. Foto: Santi Alvite
José Yáñez diante dunha das obras da exposición. Foto: Santi Alvite
A exposición permanecerá aberta no claustro alto ata o 30 de agosto de luns a venres de 11 a 14 e de 17 a 20.30 horas. A entrada é aberta e de balde.

O claustro alto do Colexio de Fonseca acolle desde o xoves 20 de xuño e ata o 30 de agosto a mostra de debuxos 'Miradas a Compostela', de José Yáñez.

"Sentado na miña cadeira portátil debuxo distintos ángulos da cidade, buscando encadres para deixar nestes cadernos unha mostra variada das nosas arquitecturas urbanas. O románico, gótico ou barroco, sen esquecer a arquitectura modernista, racionalista, ecléctica, contemporánea ou popular son os obxectos da miña atención", explica José Yáñez.

“Un debuxo cuestiona sen présa a aparencia dun suceso, e ao facelo lémbranos que as aparencias son sempre unha construción cunha historia”, explica sobre a súa obra o autor, que pretende narrar a historia da cidade de Compostela e dos centros históricos de Galicia a través do debuxo das súas arquitecturas apoiado en diferentes técnicas.

A exposición poderá visitarse de luns a venres de 11 a 14 e de 17 a 20.30 horas. A entrada é aberta e de balde.

O autor
José Manuel Yáñez Rodríguez é arquitecto técnico, enxeñeiro de edificación e doutor en Historia da arte. Foi xefe do Servizo de Arquitectura e Mantemento da Deputación da Coruña. Durante 38 anos exerceu como profesor nas Universidades de Santiago de Compostela e A Coruña. Impartiu numerosas conferencias sobre materias de patrimonio, a súa xestión e conservación e publicou 16 libros e cartafoles de debuxo, todos eles referidos ao patrimonio edificado. Habitualmente escribe artigos sobre o patrimonio construído en revistas especializadas e ten no seu haber varios premios de investigación. Como pintor realizou numerosas exposicións individuais e colectivas en diferentes puntos de España. A súa obra está presente en coleccións de diferentes institucións públicas e coleccionistas privados.

 

A mostra poderá visitarse ata o 30 de agosto. Foto: Santi Alvite
A mostra poderá visitarse ata o 30 de agosto. Foto: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 06.21.2024.