Skip to main content

Marilar Jiménez-Aleixandre, gañadora do VII Premio Luís Porteiro Garea polo seu compromiso coa lingua galega no ensino das ciencias

Marilar Aleixandre é dende 2017 profesora ad Honorem da Facultade de Ciencias da Educación da USC. Foto: Santi Alvite
Marilar Aleixandre é dende 2017 profesora ad Honorem da Facultade de Ciencias da Educación da USC. Foto: Santi Alvite
A profesora ad Honorem recibe o premio “cunha enorme alegría” porque supón recoñecer que “a lingua galega pode e debe ser utilizada no ensino das ciencias, e empregala supón establecer un modelo para o alumnado que conformará as vindeiras xeracións de docentes”

A catedrática da Área de Didáctica das Ciencias Experimentais e dende 2017 profesora ad Honorem da Facultade de Ciencias da Educación da USC vén de gañar o Premio Luís Porteiro Garea na súa sétima edición. Este galardón busca recoñecer publicamente o esforzo de persoas ou colectivos a prol da normalización do uso do galego na universidade.

O xurado decidiu por unanimidade recoñecer a profesora Jiménez-Aleixandre polo seu compromiso e a súa defensa da lingua galega no ensino das disciplinas científicas, “do que ela se erixe como símbolo na nosa universidade xa que foi pioneira no ensino das ciencias en galego na Educación Secundaria e na elaboración de materias didácticos dende o ano 1976”.

Destaca ademais o xurado o seu exercicio como docente na área de Didáctica das Ciencias Experimentais durante máis de vinte anos “nos que conxugou dun xeito inusual a forte dimensión humanística coa científica”. “Recoñecida e premiada en todas as súas facetas, o seu compromiso co galego cohesiona transversalmente a súa dedicación”, reza o ditame.

A catedrática  ad Honorem recibiu o premio “cunha enorme alegría” porque recoñece “o meu compromiso co galego na Universidade, pero tamén a miña etapa na educación secundaria, e sobre todo no campo das ciencias”. “O galego -advirte- é unha lingua que pode e debe ser utilizada no ensino das ciencias, e empregala supón establecer un modelo para o alumnado que conformará as vindeiras xeracións de docentes”.

Manifesta ademais a súa ledicia por compartir este premio con “persoas moi prezadas para min”, como o profesor Manuel Bermejo, gañador da primeira edición e xustamente a persoa con quen ela comezou a traballar na USC, ou Margarita Ledo, gañadora do Porteiro Garea na pasada edición, “amiga e compañeira”.

Traxectoria comprometida
Marilar Jiménez-Aleixandre foi autora do primeiro libro de didáctica das ciencias para a universidade, Dubidar para aprender, publicado en 1996. Impartiu docencia en galego en todas as materias das que se fixo cargo, tanto no Grao de Mestre en Educación Primaria como no Mestrado de Secundaria.

O xurado destaca así mesmo o seu perfil de escritora de poesía, narrativa e ensaio, comprometida coa lingua galega e recoñecida con numerosísimos galardóns, entre outros o Premio Nacional de Narrativa, e tamén a súa pertenza como membro de número da Real Academia Galega, así como o seu compromiso e activismo a prol da igualdade e defensa das mulleres, como testemuñan as súas publicacións en perspectiva feminista.

Entrega do galardón, en setembro
O galardón lembra e homenaxea a figura de Luis Porteiro Garea, profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala que pronunciou o 16 de setembro de 1915 no Paraninfo da Universidade a primeira lección en galego da que se ten constancia.

O xurado desta sétima edición estivo composto polo reitor Antonio López, quen delegou no vicerreitor Gumersindo Feijoo Costa, e por Rita Gradaílle Pernas, Manuel Núñez Singala, Patricia Regal López e Óscar Rodríguez Figueiras. O premio entregarase nunha cerimonia pública a desenvolver no mes de setembro, coincidindo co aniversario da lección pronunciada polo profesor Porteiro Garea.

En anteriores edicións recibiron este recoñecemento Manuel Bermejo Patiño, Xosé Antonio Gómez Segade, Antón Costa Rico, Antonio Rigueiro, Xosé Manuel Beiras e Margarita Ledo Andión.

The contents of this page were updated on 06.21.2024.