Skip to main content

O Congreso Internacional de Teoría de Categorías máis multitudinario da historia ten lugar en Santiago

As persoas participantes chegan de todas as partes do mundo, na que é a cita máis multitudinaria dende que comzou a celebrarse esta conferencia. Foto: Santi Alvite
As persoas participantes chegan de todas as partes do mundo, na que é a cita máis multitudinaria dende que comzou a celebrarse esta conferencia. Foto: Santi Alvite
Especialistas de todo o mundo nun dos ámbitos máis fundamentais da álxebra reúnense esta semana na Facultade de Matemáticas

A teoría de categorías, un dos ámbitos máis fundamentais da álxebra, ocúpase de estudar as interaccións entre os obxectos matemáticos e as súas compoñentes. Dende este campo desenvólvense conceptos, teorías e técnicas que impactan noutros ámbitos das matemáticas, as ciencias da computación ou a física matemática.

O persoal especialista no estudo deste campo das matemáticas reúnese esta semana en Santiago no Congreso Internacional de Teoría de Categorías, o máis multitudinario da súa historia, con 190 participantes dos que aproximadamente un 90% chega de países de fóra do Estado. Esta cita científica en Compostela é ademais a primeira que se celebra en España logo de case corenta anos de andaina por todo o mundo.

O congreso deu comezo este domingo no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, cunha recepción de benvida á que asistiu o reitor. O acto inaugural, xa na mañá deste luns presidiuno na Facultade de Matemáticas a decana, Elena Vázquez Cendón, e nel participaron a directora do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) e catedrática da USC, Rosa Crujeiras, e Xabier García, investigador do CITMAga na Universidade de Vigo, en representación do comité organizador.

Na xornada de apertura explicouse o especial vencello da Facultade de Matemáticas co estudo da teoría de categorías, que comeza no ano 1967 coa fundación da revista Alxebra, unha iniciativa do primeiro director do departamento de Álxebra e Fundamentos da USC, o profesor Eduardo García Rodeja. Curiosamente, o primeiro volume da revista levaba por título ‘Categorias I’.

Houbo tamén na inauguración una lembranza para Alfredo Rodríguez-Grandjeán López-Valcárcel, que fora alumno de doutoramento de Eduardo García-Rodeja e cuxa tese foi publicada en Alxebra. Grandjeán desenvolveu unha teoría da homoloxía en categorías exactas, atendendo a definición de Puppe.

Tal e como manifestou Xabier García no evento, García-Rodeja e Grandjeán estarían “moi contentos de ver como evolucionaron as cousas por aquí, e de ver que unha conferencia como a CT2024 se está celebrando na súa casa”.

As sesións da Conferencia Internacional sobre Teoría de Categorías CT2024 desenvolveranse durante toda esta semana na Facultade de Matemáticas. Nesta edición, as persoas convidadas a impartir conferencias plenarias son Richard Garner (Macquarie University), Chris Heunen (University of Edinburgh), André Joyal (Université du Québec à Montréal), Sandra Mantovani (Università degli Studi di Milano), Robert Paré (Dalhousie University) e Martina Rovelli (UMass Amherst).

A Conferencia está organizada coa colaboración da USC, da Universidade de Vigo, do Centro de Investigación e Tecnología Matemática de Galicia (CITMAga), o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional. No comité organizador participan os membros do CITMAga Manuel Ladra, da USC, e Xabier García Martínez, da UVigo, e os investigadores Diana Rodelo, da Universidade do Algarve, e Tim Van der Linden, da Universidade Católica de Louvain.

Na inauguración, de esquerda a dereita, Rosa Crujeiras, Elena Vázquez e Xabier García. Fotro: Santi Alvite
Na inauguración, de esquerda a dereita, Rosa Crujeiras, Elena Vázquez e Xabier García. Fotro: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 06.24.2024.