O profesor emérito Miguel Ángel Zabalza, recoñecido co Spirit of ICED Award
O profesor emérito do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC Miguel Ángel Zabalza vén de ser galardoado co prestixioso Spirit of ICED Award en recoñecemento á súa destacada traxectoria en didáctica, formación docente, ensinanza e aprendizaxe en educación superior, investigación educativa e desenvolvemento académico, tanto no contexto estatal como internacional.
O premio entregouse no transcurso da ICED (International Consortium for Educational Development) Conference 2024 en Nairobi (Kenia) e foi recollido por Mònica Feixas como representante da Rede Española de Docencia Universitaria (REDU), entidade propoñente da candidatura do profesor Zabalza.
O obxectivo do ICED é facer avanzar a educación en todo o mundo promovendo, sostendo e aumentando o coñecemento e a comprensión individual e colectiva de todos os aspectos do desenvolvemento educativo no ensino superior. Neste liña, o premio concedido a Miguel Zabalza busca recoñecer aquelas persoas que demostraron un liderado destacado no desenvolvemento educativo.
Dilatada traxectoria docente e investigadora
Doutor en Psicoloxía e Pedagoxía, Miguel Zabalza Beraza foi profesor da Universidade Complutense de Madrid, da UNED, da Universidade de Comillas e, dende 1979, da Universidade de Santiago na que foi catedrático de Didáctica e Organización Escolar, decano da Facultade de Ciencias da Educación e director do Departamento de Didáctica e Organización Escolar e do Instituto de Ciencias da Educación.
Zabalza desenvolveu unha ampla actividade como docente e investigador na área do currículo e destaca en programas de formación de docentes e asesoramento a centros escolares en procesos de desenvolvemento institucional e mellora da calidade da ensinanza. Ademais, pertence a varios programas europeos centrados na formación de profesores, na transición da escola ao mundo do traballo e no estudo das virtualidades pedagóxicas dos itinerarios culturais europeos.
Investigador principal de 25 proxectos de investigación de ámbito estatal e internacional, é ademais autor (ou coautor) de máis de 100 libros, algúns deles traducidos a varios idiomas. Entre as súas publicacións máis sobranceiras destacan Diseño y desarrollo curricular, Didáctica de la Educación Infantil, Areas, Medios y Evaluación en la Educación Infantil, Los diarios de clase, La formación práctica de los profesores I e II, Educación Especial y Formación de Profesores, La calidad en la Educación Infantil, Los tutores en el practicum, La formación práctica de los profesionales: El prácticum, La enseñanza universitaria: el escenario y sus protagonistas, Las competencias docentes del profesorado universitario.
En 2018 foi investido doutor honoris causa pola Pontifícia Universidade Católica do Rio Grande do Sul (Brasil), unha distinción que viña precedida por outra igual en 2012 polo Instituto Multidisciplinario mexicano de Especialización de Oaxaca (IME).