Skip to main content

A USC e a Xunta de Galicia apostan por fomentar o emprendemento feminino e dar visibilidade a proxectos protagonizados por mulleres

No centro da imaxe, Mar Lorenzo con Susana López, na xuntanza deste venres. Foto: Xunta de Galicia
No centro da imaxe, Mar Lorenzo con Susana López, na xuntanza deste venres. Foto: Xunta de Galicia

A USC e a Xunta de Galicia apostan por levar a cabo accións que fomenten o emprendemento feminino, especialmente entre a mocidade, e por dar visibilidade a proxectos empresariais protagonizados por mulleres. Esta foi unha das principais conclusións da reunión de traballo que mantiveron a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo, coa secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, xunto coa coordinadora do programa Emprende, Eva López Barrio.

No encontro, tamén abordaron o fortalecemento da titorización dos proxectos empresariais beneficiarios das axudas Emega Dual para este ano 2019. Segundo datos da administración autonómica, o programa Emega de fomento do emprendemento feminino mobilizou entre 2009 e 2018 máis de 7,4 millóns de euros, o que permitiu poñer en marcha 544 proxectos e crear máis de 1.000 postos de traballo feminino por conta propia e allea. Para este ano 2019, a Xunta agarda incrementar o orzamento deste programa, que estará dotado con máis de 1,8 millóns de euros.

Xa por último, na reunión avaliaron o I Encontro das emprendedoras do Programa Emega, celebrado o pasado decembro, e confirmaron a celebración dunha segunda edición en 2019.

The contents of this page were updated on 01.25.2019.