Skip to main content

Comeza en Santiago o Curso Internacional de Especialista en Rendibilidade Empresarial da Responsabilidade Social Corporativa e Empresarial

Promóveno as universidades de Santiago de Compostela, Minho, Porto e Trás-os-Montes e Alto Douro e a Cátedra Internacional RSC Santander Galicia-Norte de Portugal

As universidades de Santiago de Compostela, Minho, Porto e Trás-os-Montes e Alto Douro e a Cátedra Internacional RSC Santander Galicia-Norte de Portugal promoven o primeiro curso de especialista conxunto en rendibilidade empresarial da Responsabilidade Social Corporativa e Empresarial (RSC/E).

O curso inaugúrase este venres 7 ás 16.00 horas na Facultade de Xeografía e Historia nun acto no que participan o director da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal e profesor da USC, Rubén Lois; o vicerreitor para a Planificación, Estratexia e Organización da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, Artur Fernando Arede Correia Cristovão; e a directora da Cátedra Internacional RSC Santander da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal, Elena del Pilar Ramallo; e a responsable de Internacionalización do Ensino da Universidade do Minho, Carla Martins.

Trátase un posgrao que reúne profesorado especialista das universidades participantes así como directivos de grandes multinacionais e das principais entidades do sector bancario, que exporán cómo desenvolven a RSC nas súas entidades. Tamén contará con representantes políticos dos ámbitos da empresa, a industria e a Administración de Galicia e Portugal.

O curso abordará a RSC/E dende todos os ámbitos do seu desenvolvemento: a sustentabilidade ambiental das organizacións, a comunicación empresarial e a creación da reputación corporativa, a normativa que deben aplicar as empresas, o deseño e implantación de plans estratéxicos de RS, a xestión operativa da empresa ética dos negocios, a xestión estratéxica da Responsabilidade Social Corporativa/Empresarial e a Internacionalización da RSC/E.

The contents of this page were updated on 04.06.2017.