Skip to main content

O crecemento da produción en Galicia situarase en 2025 no 2,5% fronte ao 2,4% do conxunto do Estado

En 2023, o sector primario (agricultura e pesca) tivo unha diminución menor en Galicia que no conxunto de España, cunha variación de -0,6% en Galicia e de -2,5% en España. FOTO: Santi Alvite
En 2023, o sector primario (agricultura e pesca) tivo unha diminución menor en Galicia que no conxunto de España, cunha variación de -0,6% en Galicia e de -2,5% en España. FOTO: Santi Alvite
Esta é unha das estimacións de Hispalink-Galicia, un equipo integrado por quince universidades entre as que se atopa a USC e que constitúe unha liña de investigación permanente en economía aplicada
Santiago de Compostela

O crecemento da produción en Galicia será do 1,8% en 2024, fronte ao 2,2% no conxunto de España. En 2025, o devandito crecemento situarase no 2,5% para o caso galego, fronte ao 2,4% na totalidade do Estado. Estas son algunhas das predicións do equipo de Hispalink-Galicia, integrado polas investigadoras da USC María-Carmen Guisán, Maite Cancelo, Emilia Vázquez Rozas, Pilar Expósito, Rosario Díaz-Vázquez e Eva Aguayo. Hispalink constitúe unha liña de investigación permanente en economía aplicada de quince universidades cuxo obxectivo principal é a revisión e análise da situación actual e perspectivas económicas ao longo do Estado.

A última vaga desta investigación permanente estimou nun 1,9% o crecemento da produción real de Galicia en 2023, menor que o de España, situado nun 2,5%. “Como a poboación de Galicia tivo un crecemento menor que a española, en termos per cápita produciuse unha melloría do PIB lixeiramente maior no caso de Galicia en comparación coa media do conxunto do Estado”, apuntan dende o equipo investigador. Séguese así a tendencia do período 2000-2023, no que se alcanzou un alto grao de converxencia de Galicia coa media española de produción por habitante. Ademais, Galicia foi unha das comunidades con maior resistencia durante a crise da COVID-19, cando o PIB real español caeu nun 11,2% mentres que en Galicia só o fixo nun 9,1% debido á menor dependencia do turismo.

En 2023, o sector primario (agricultura e pesca) tivo unha diminución menor en Galicia que no conxunto de España, cunha variación de -0,6% en Galicia e de -2,5% en España. Pola súa parte, a industria tivo un incremento maior en Galicia que no conxunto do Estado, cunha variación do 3% fronte ao 1,6%. A construción e os servizos creceron menos en Galicia que en España, con taxas nos devanditos sectores de 0,2% e 1,9%, en territorio galego, fronte a 2,4% e 3% na totalidade do Estado.

Tal e como apuntan dende o equipo da USC, “os últimos datos dispoñibles mostran unha mellor evolución do sector de agricultura e pesca galega que a media española”. O Valor Agregado Bruto (VAB) do último trimestre de 2023 mostra unha tendencia negativa para Galicia con relación ao trimestre anterior, pero mantense ao longo do tempo un comportamento máis estable que en España. En relación ao emprego, a situación é máis favorable, ao aumentar no primeiro trimestre do 2024 un 7,9% o número de ocupados galegos, segundo os datos da EPA, que contrasta cunha lixeira caída (-1,21) a nivel estatal.

O peso da industria galega, no conxunto da súa economía, segue estando por encima da media española, situándose no 17,3%, segundo a Contabilidade Rexional (CRE) do INE, fronte ao 15,6% de media en España, de forma que a participación de Galicia no ano 2022 situouse no 5,8% da industria española. Ao analizar a EPA, o 14,9% das persoas ocupadas galegas, no ano 2023, atópanse no sector industrial, fronte ao 13,3% de España, de forma que en Galicia atópanse o 6% dos e das ocupadas da industria española. Con relación á construción, o peso do sector no conxunto do VAB diminuíu tanto en Galicia como no conxunto estatal dende o ano 2010, sendo o estimado para o ano 2022 en Galicia de arredor do 6% da economía española. Este foi un sector fortemente impactado polo estalido da burbulla inmobiliaria e pola crise derivada da pandemia da COVID-19, aínda que, segundo os datos de CRE no ano 2022 prodúcese unha melloría, con taxas de crecemento do VAB do 2,7% (Galicia) e 3,2% (España). Os datos da EPA do 2023 mostran que o sector representa o 6,8% do número de ocupados/as galegos/as e o 6,6% no conxunto estatal. Con relación ao número de persas ocupadas, o último dato oficial dispoñible (primeiro trimestre do 2024) mostra un aumento do emprego, neste sector, do 3,6% en Galicia e do 6,1% en España.

Próximos anos

Para 2024, agárdase que o crecemento por sectores se distribúa do seguinte xeito: 1,5% en agricultura e pesca, 2,4% en industria, 2,6% en construción e 1,6% en servizos. De cara a 2025, as previsións de Hispalink indican que o crecemento en agricultura e pesca acadará o 5,9%, fronte ao 2,5% en servizos, ao 1,7% en industria e ao 2,2% na construción.  Finalmente, a taxa prevista de crecemento do VAB real de Galicia para 2026  é do 2.3% e a de España do 2,4%. Por sectores, as taxas de Galicia son do 0,8% en agricultura e pesca, 2,2% en industria, 1,8% en construción e 2,4% en servizos.

Rede

A rede Hispalink comezou en 1986 cunhas xornadas sobre aplicacións dos modelos econométricos aos problemas rexionais e empezou a facer predicións rexionais e sectoriais en 1988. A fortaleza das predicións que se realizan baséase no dobre enfoque metodolóxico: pártese dunha predición inicial para a economía española a partir da cal os equipos autonómicos propoñen as das súas comunidades, as cales se revisan en base a un modelo de congruencia final que integra, de forma coherente, as previsións iniciais no marco estatal. O equipo de Hispalink-Galicia leva participando na elaboración das predicións dende o inicio do proxecto que, actualmente, constitúe unha rede.

The contents of this page were updated on 06.27.2024.