Skip to main content

Medio cento de persoas dunha vintena de países participan nos Cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’

Foto de grupo das participantes na convocatoria de 2023
Foto de grupo das participantes na convocatoria de 2023
A trixésimo cuarta edición dos encontros arrinca o vindeiro mércores cun programa de inmersión lingüística e cultural que se estenderá ata o 24 de xullo

Os Cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’ chegan este mes de xullo á súa trixésimo cuarta edición contando coa participación de máis de medio cento de estudantes procedentes de Europa, América e Asia. O programa, organizado pola Real Academia Galega en colaboración co Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago, arrincará o vindeiro mércores, 3 de xullo, ás 12:30 horas co acto inaugural na Facultade compostelá de Filosofía, onde terá lugar o groso da actividade. A clausura  celebrarase no mesmo espazo o 24 de xullo, véspera do Día de Galicia.

As persoas matriculadas este ano proceden da Arxentina, do Brasil, dos Estados Unidos, da India, da China e de Alemaña, Reino Unido, República Checa, Chipre, Finlandia, Francia, Holanda, Italia, Polonia, Portugal, Romanía, Ucraína, Rusia e distintas comunidades autónomas de España.

Os cursos combinan clases teóricas e prácticas de lingua e literatura galegas organizadas en tres niveis, con excursións, visitas culturais, obradoiros de música e baile tradicional e palestras. Nesta edición, o alumnado poderá escoitar a Berta Dávila reflexionar sobre a experiencia de escribir e editar libros e a Rosalía Fernández Rial sobre o poético en diálogo con outras artes: O catedrático de Historia Contemporánea da USC e académico de número Lourenzo Fernández Prieto deterase na emigración contemporánea a América, mentres que a filóloga do ILG María Álvarez de la Granja falará sobre a fraseoloxía galega e a académica correspondente e profesora de Didáctica da Lingua da USC Montse Pena Presas achegará o alumnado á vida e á obra de Luísa Villalta, a autora protagonista do Día das Letras Galegas 2024.

O programa desenvólvese co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia baixo a dirección do vicesecretario da RAG e catedrático de Filoloxía Galega da USC, Henrique Monteagudo, e coa académica de número e profesora de Didáctica da Lingua e a Literatura María López Sández como secretaria académica.

 

The contents of this page were updated on 06.27.2024.