Skip to main content

Investigadores de Medicina deseñan un software que mellora en persoas con esquizofrenia ou trastorno esquizo-afectivo o recoñecemento emocional das voces

María Lado é medica psiquiatra do Hospital Universitario de Donostia e este traballo forma parte da súa tese de doutoramento
María Lado é medica psiquiatra do Hospital Universitario de Donostia e este traballo forma parte da súa tese de doutoramento

Cando dúas persoas falan entre si, máis alá da propia conversa, a expresión facial, a linguaxe corporal ou o ton de voz xogan un rol de alto valor na construción do significado final desa mensaxe. Son xestos e habilidades cotiás cuxa correcta interpretación marca as diferencias na comprensión final, máis cando se trata de persoas afectadas con determinados trastornos mentais polas súas dificultades para xestionar algún destes xestos. Un equipo encabezado por investigadores da Facultade de Medicina da USC traballa nun programa de ordenador con resultados prometedores na rehabilitación das habilidades para o recoñecemento de emocións no ton de voz en persoas con determinados trastornos mentais.

As persoas afectadas de distintas patoloxías mentais, como por exemplo a esquizofrenia ou o autismo, presentan unha maior dificultade para recoñecer as emocións cando se relacionan con outras. Estes déficits “supoñen unha peor integración social coa contorna”, explica María Lado Codesido, investigadora da Facultade de Medicina da USC e médica psiquiatra do Hospital Universitario de Donostia, que participa no equipo que desenvolve a nova ferramenta informática.

Como ferramenta para mellorar o recoñecemento emocional, e ao mesmo tempo a integración social das persoas con estas patoloxías, o equipo da Facultade de Medicina creou o programa ‘Voices’ dispoñible na páxina web www.e-motionaltraining.com. Nesta páxina “encontramos diversos xogos autoaplicados, atractivos e actualizados centrados en traballar as emocións mediante a obtención de puntuacións e, de forma paralela, mellorar o recoñecemento emocional e as habilidades sociais”, especifica Lado Codesido. Moitos destes xogos foron probados como eficaces polo grupo de investigación dirixido polo doutor Alexandre García Caballero noutras publicacións científicas previas.

Agora, a revista PLOS ONE publica un artigo no que se presentan os resultados dun ensaio clínico realizado con medio cento de pacientes diagnosticados de esquizofrenia ou de trastorno esquizo-afectivo. Á metade do grupo da mostra aplicóuselle o programa ‘Voices’ e á outra metade os programas de rehabilitación convencionais para a súa patoloxía. Os resultados mostran que o grupo de persoas expostos ao novo software presentaron mellores puntuacións nos tests de recoñecemento emocional aplicados posteriormente, fronte ás persoas que seguiron os protocolos de tratamento convencionais.

En opinión de María Lado, os resultados suxiren que “a rehabilitación é posible e que o programa ‘Voices’ é útil para alcanzar este obxectivo”. Ao mesmo tempo puntualiza que “polo momento non coñecemos a estabilidade no tempo da melloría percibida, nin podemos dicir que supoña unha mellora directa no recoñecemento emocional na vida diaria destas persoas, obxectivo último de toda rehabilitación”. Actualmente, “seguimos traballando no deseño de novas programas para alcanzar os obxectivos propostos”. O grupo de persoas que participaron como mostra para o estudo procedían do Hospital de Día dos servizos de Psiquiatría dos complexos hospitalarios universitarios de Vigo, Ourense e Ferrol, da residencia Ceboliño de Ourense e dos centros de rehabilitación psicosocial de APEM Carballo e da asociación Afaes Porta Nova de Narón.

‘Voices’ adopta a forma dun xogo onde se escoitan diferentes frases gravadas por actores e actrices profesionais nas que se poden detectar diferentes tons de voz e onde o/a usuario/a terá que elixir cal é o correcto entre varias opcións. Existen oito sesións diferentes, dúas por semana, representando distintos graos de dificultade progresiva. Tras cada sesión, obtéñense unha serie de puntos segundo os acertos producidos durante o xogo. Actualmente a páxina web de rehabilitación, desenvolvida co financiamento do Sergas, xa chegou a máis de mil usuarios en máis de 50 centros de oito comunidades autónomas diferentes.

O artigo publicado en PLOS ONE asínano María Lado Codesido, Raimundo Mateos e Alejandro García Caballero, da USC; Cristina Méndez Pérez, do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo; e José Manuel Olivares, do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Saúde Mental (CIBERSAM) así como do mesmo centro hospitalario vigués.

The contents of this page were updated on 01.25.2019.