Skip to main content

Pegadas artísticas en Formación do Profesorado

De esquerda a dereita, Gómez, Ares, Lestegás, Blanco e Muñoz, coa peza 'Universo ruso'
De esquerda a dereita, Gómez, Ares, Lestegás, Blanco e Muñoz, coa peza 'Universo ruso'
O centro universitario lugués amosa no seu vestíbulo ata finais de xuño pezas de cerámica feitas por alumnado da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón

A Facultade de Formación do Profesorado de Lugo expón ata o mes de xuño diferentes pezas cerámicas elaboradas por alumnado da especialidade de Cerámica Artística da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón. Este proxecto, que se desenvolve baixo o título ‘A peza do mes’, mostrará cada 15 días unha peza cerámica diferente, conformando un percorrido sobre distintas aplicacións da cerámica: cerámica artística, tradicional, de estilo castrexo, aplicada ao mobiliario, etc.

O obxectivo desta iniciativa da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo, na que colaboran a Facultade de Formación do Profesorado e a Biblioteca Pública Provincial como sedes expositivas, é o de contribuír a facer máis visibles os estudos superiores de cerámica artística que se imparten en Lugo, a única provincia galega onde se pode completar esta formación, e por outro poñer en valor a importancia da olería e da cerámica en Galicia.

A instalación no centro universitario lugués da peza de cerámica ornamental titulada ‘Universo ruso’, unha creación realizada en arxila de Buño branco e esmaltada en cobre por Vicente Blanco, profesor da área de Didáctica de Expresión Plástica da USC na Facultade de Formación do Profesorado, serviu para abrir este proxecto de divulgación artística. O decano da Facultade de Formación do Profesorado, Francisco Rodríguez Lestegás; a director ada Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, Esther Muñoz; o profesor de Cerámica Francisco F. Ares e o director da biblioteca de Formación do Profesorado, César Gómez, participaron nesta sesión inaugural.

A Facultade de Formación do Profesorado cedeu para esta campaña un espazo no vestíbulo da entrada, ao tempo que tamén colabora a biblioteca do centro cun punto de información no que o usuario e visitante pode atopar extensa bibliografía centrada en cuestións técnicas ao redor de cada peza cerámica exposta.

The contents of this page were updated on 04.03.2017.