Skip to main content

Medio cento de persoas fórmanse como ‘embaixadoras’ culturais de Galicia nos cursos ‘Galego sen fronteiras’

Foto de familia de participantes e representantes da organización dos cursos 'Galego sen fronteiras'. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia de participantes e representantes da organización dos cursos 'Galego sen fronteiras'. FOTO: Santi Alvite
Estudantado dunha vintena de países comezou este mércores a trixésimo cuarta edición dun encontro intercultural organizado pola RAG en colaboración co ILG

“A lingua e a cultura galegas son o que nos define”, aseguraba este mércores o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e de aí a importancia de convocar anualmente os cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’ que organiza a Real Academia Galega (RAG) en colaboración co Instituto da Lingua Galega da USC. A trixésimo cuarta edición desta iniciativa iniciou a súa andaina na Facultade de Filosofía compostelá converténdose un ano máis nunha “escola de embaixadores”, conforme a definiu o presidente da RAG, Víctor Freixanes, pois participan máis de medio cento de estudantes procedentes dunha vintena de países de Europa, América e Asia.

O director dos cursos, o académico e catedrático da USC Henrique Monteagudo, explicoulle ao estudantado que é “un motivo de orgullo que teñades ese interese e curiosidade pola lingua e a cultura galegas”, convertendo esta cita anual nun “encontro intercultural a través do galego”. A directora do ILG e profesora da USC Elisa Fernández Rei lembrou que participantes en edicións anteriores “fixeron contribucións moi importantes á lingüística galega, aos estudos culturais e á tradución de libros galegos”

Así mesmo, a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, María Coutinho Villanueva, lembrou que con 34 edicións “son xa varias xeracións de persoas fascinadas por Galicia” e coincidiu nisto con Víctor Freixanes, quen prognosticou que o estudantado vai "marchar namorado do país, da cultura, das xentes", e puxo como exemplo o do profesor xaponés Takekazu Asaka, quen tras participar nestes cursos continuou difundindo a cultura galega no país asiático e recentemente foi nomeado académico de honra pola RAG.

Clases e visitas culturais
As persoas matriculadas nesta edición proceden da Arxentina, do Brasil, dos Estados Unidos, da India, da China e de Alemaña, Reino Unido, República Checa, Chipre, Finlandia, Francia, Holanda, Italia, Polonia, Portugal, Romanía, Ucraína, Rusia e distintas comunidades autónomas de España. Os cursos desenvólvense co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia e combinan clases teóricas e prácticas de lingua e literatura galegas, organizadas en tres niveis, con excursións, visitas culturais, obradoiros de música e baile tradicional e palestras.

Ao longo das tres vindeiras semanas, o alumnado poderá escoitar a Berta Dávila reflexionar sobre a experiencia de escribir e editar libros; Rosalía Fernández Rial ofrecerá un relatorio sobre o poético en diálogo con outras artes; o catedrático de Historia Contemporánea da USC e académico de número Lourenzo Fernández Prieto deterase na emigración contemporánea a América; a filóloga do ILG María Álvarez de la Granja falará sobre a fraseoloxía galega; e a académica correspondente e profesora de Didáctica da Lingua da USC Montse Pena Presas achegará o alumnado á vida e á obra de Luísa Villalta, a autora protagonista do Día das Letras Galegas 2024.

The contents of this page were updated on 07.03.2024.