Skip to main content

‘Come san, come sostible’, un xogo para que o alumnado de Primaria aprenda a coidar a saúde e o medio natural

 O xogo xunta nunha colaboración interdisciplinar as capacidades dos grupos Biogroup e Esculca
O xogo xunta nunha colaboración interdisciplinar as capacidades dos grupos Biogroup e Esculca
Este recurso didáctico baséase na información relativa á pegada de carbono e a pegada hídrica dos 62 alimentos máis consumidos en España no ano 2023

O xogo ‘Come san, come sostible’ é unha ferramenta didáctica para que o alumnado de Educación Primaria sexa consciente da importancia que teñen as súas accións para o coidado da súa saúde e, ao mesmo tempo, da protección do medio ambiente e o desenvolvemento sustentable. O xogo xunta nunha colaboración interdisciplinar as capacidades dos grupos de Biotecnoloxía Ambiental (Biogroup) do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) e do de Investigación Esculca da Facultade de Ciencias da Educación da USC.

A pegada de carbono e a pegada hídrica dos 62 alimentos máis consumidos en España no ano 2023, así como o coñecemento dos principais grupos nutricionais que compoñen unha dieta equilibrada son algúns dos conceptos sobre os que se sustenta esta ferramenta didáctica que trata de achegarlle ao alumnado recursos educativos en materia de sustentabilidade. Previo á súa presentación pública realizouse unha proba piloto deste recurso na que participou recentemente o estudantado do dobre Grao en Mestre/a de Educación Infantil e Educación Primaria, nunha actividade dirixida por investigadores do CRETUS e polo profesorado da Facultade de Ciencias da Educación e membros do grupo Esculca.

A idea de crear este recurso educativo xorde a partir dun traballo publicado no 2020 en Education for Chemical Engineers que asinan investigadores de CRETUS, cuxo obxectivo foi fomentar entre o alumnado de Enxeñaría Química a concienciación ambiental cara ao consumo responsable de alimentos así como a redución do desperdicio alimentario. A partir desa base e en colaboración co grupo Esculca fíxose unha adaptación para a aplicación entre o alumnado de Primaria, que agora toma forma neste novo recurso didáctico que podería no futuro estar a disposición da comunidade educativa que o solicite.

Compromiso coa sustentabilidade
A educación para o desenvolvemento sostible en actividades ou seminarios é parte da formación para estudantes de Enxeñaría Química para reforzar o seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) incluídos na Axenda 2030, pois segundo lembra o equipo promotor, o desperdicio alimentario non é só unha cuestión ética e económica: esgota recursos naturais limitados e “neste sentido, frear a tendencia crecente de adquisición excesiva de bens que non consumiremos pode ter un efecto importante na redución do impacto ambiental asociado á produción de alimentos”.

O equipo do BioGroup foi o encargado da conceptualización do xogo, do deseño tanto da caixa como das fichas e das follas para o cálculo das pegadas hídricas e de carbono, mentres que Esculca elaborou a guía didáctica. A través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) fixéronse os trámites para rexistrar a propiedade intelectual coa finalidade de lanzalo ao mercado e encargarase das xestións para a súa distribución, polo que os equipos docentes ou grupos interesados xa poden solicitar unidades deste xogo a través de avte [at] usc.gal (avte[at]usc[dot]gal).

The contents of this page were updated on 07.04.2024.