Skip to main content

Dous dos seis premios de investigación matemática Vicent Caselles recaen en doutorandos da Universidade de Santiago

María Alonso Pena e Alberto Rodríguez Vázquez
María Alonso Pena e Alberto Rodríguez Vázquez
Trátase da actual profesora axudante doutora María Alonso Pena e do doutor Alberto Rodríguez Vázquez

Dos seis Premios de Investigación Matemática Vicent Caselles que outorgan a Real Sociedade Matemática Española (RSME) e a Fundación BBVA, dous foron parar a mans de ex alumnado da USC. Trátase da actual profesora axudante doutora María Alonso Pena e do doutor Alberto Rodríguez Vázquez. Ambos os dous foron investigadores en formación en CITMAga, onde na actualidade María Alonso é colaboradora.

s galardóns recoñecen na súa X edición a excelencia dos achados matemáticos logrados por seis novos e novas científicas no Estado, cuxas investigacións no só contribuíron significativamente ao avance do coñecemento básico, senón que ademais poden impulsar múltiples aplicacións en campos como a intelixencia artificial, a criptografía, a robótica, os vehículos autónomos, a loxística, a ecoloxía e a biomedicina.

María Alonso Pena
A profesora María Alonso Pena, que estudou o grao en Matemáticas na USC así como doutorado en Estatística e Investigación Operativa, foi investigadora posdoutoral nas universidades de Granada e na Católica de Lovaina (Bélxica). Os resultados da súa investigación constan de novidosas propostas metodolóxicas no campo da Estatística, estudos teóricos de primeiro nivel e simulación extensivas con datos reais.

A súa investigación céntrase no estudo de novos métodos estatísticos que permiten a análise adecuada de datos que representan direccións, ángulos ou observacións periódicas. “Se este tipo de observacións se trata con técnicas estatísticas ou modelos de machine learning convencionais, as conclusións dos estudos serán, en moitos casos, erróneas”, explica. Para abordar este problema, os traballos de Alonso propoñen novos modelos co obxectivo de lograr unha análise máis precisa de datos, con aplicacións potenciais en campos como a psicoloxía, a neuroloxía e a ecoloxía.

Para exemplificar o potencial do seu traballo nestas áreas de investigación, a premiada destaca que as súas técnicas xa se empregaron “para analizar picos de actividade neuronal na rexión cortical primaria do cerebro, así como para estudar estratexias de fuxida ante ameazas no comportamento de animais”.

Alberto Rodríguez Vázquez
Pola súa banda, Alberto Rodríguez Vázquez, graduado e doutor pola USC e hoxe investigador posdoutoral na Universidade Católica de Lovaina (Bélxica), acadou o premio pola súa investigación baseada no estudo de certas clases de subvariedades en presenza de simetría. A súa investigación é de carácter básico e aborda preguntas como, por exemplo, que ocorre se, en lugar de considerar o noso mundo tridimensional, pensamos en espazos con máis dimensións ou con curvatura? “Esta pregunta e outras similares”, sinala, “profundaron a nosa comprensión da realidade e o noso lugar nela”.

“No noso mundo tridimensional -explica-, un aspecto clave é a homoxeneidade. As superficies homoxéneas [nas que todos os puntos teñen as mesmas propiedades xeométricas] son tres: o cilindro, a esfera e o plano”.  Outra propiedade fundamental é a chamada isotropía, caracterizada polo feito de que “se un observador se colocase en calquera punto do espazo vería o mesmo en calquera dirección”. Precisamente, a investigación de Rodríguez se centra na análise xeométrica de espazos homoxéneos e isótropos, un campo no que, segundo destacou o xurado, “logrou resolver un problema aberto con máis dun século de antigüidade.

Con respecto ás posibles aplicacións do seu traballo, Rodríguez destaca que considerar xeometrías máis alá do noso mundo tridimensional tivo unha gran relevancia historicamente. “Por exemplo, a teoría da relatividade xeral de Einstein, que estuda espazos con curvatura, revolucionou a comprensión da gravidade. Por outra parte, engadir dimensións adicionais ofreceu un marco potencial para reconciliar a mecánica cuántica coa relatividade xeral”.

Os premios
Creados pola Fundación BBVA e a Real Sociedade Matemática Española (RSME) en 2015 para recoñecer e incentivar o talento dos mellores matemáticos e matemáticas novos, estes galardóns - dotados con 2.000 euros cada un- concédense anualmente a seis persoas menores de 30 anos que tivesen realizado a súa investigación no noso país.

O resto dos premios desta edición foron para Macarena Arenas, na actualidade investigadora posdoutoral ‘Denman Baynes Research Fellow’ no Clare College da Universidade de Cambridge (Reino Unido); Alberto González Sanz, profesor asistente na Universidade de Columbia; Jone Lopez de Gamiz Zearra, investigadora posdoutoral na Universidade de Vanderbilt (Estados Unidos); e Iñigo Urtiaga Erneta, Hill Assistant Professor na Universidade de Rutgers (Nova Jersey, Estados Unidos).

O xurado estivo presidido por María Ángeles Hernández Cifre, editora xeral da RSME e catedrática de Xeometría na Universidade de Murcia, e integrado por Roger Casals Gutiérrez, profesor titular de Matemáticas na Universidade de California en Davis; Francisco Castro Jiménez, catedrático de Álxebra na Universidade de Sevilla; Joan Elías i García, catedrático de Matemáticas na Universitat de Barcelona; Rafael Granero Belinchón, profesor axudante doutor de Análise Matemática na Universidade de Cantabria; e Vicente Muñoz Velázquez, catedrático de Xeometría e Topoloxía na Universidade Complutense de Madrid.
 

The contents of this page were updated on 07.09.2024.