O Curso Superior de Adestradores e adestradoras de Balonmán desenvólvese na USC con participantes de todo o mundo
O Curso Superior de Adestradores e Adestradoras de Balonmán regresa a Galicia seis anos despois, con trinta alumnos e alumnas procedentes de diferentes partes do mundo, quince deles de Galicia, que tratarán de acadar o título que dá dereito a exercer en categorías nacionais. Este curso tan só tivo sede en Alcalá de Henares e Santiago de Compostela.
O módulo presencial dará comezo este luns, 15 de xullo, cun acto inaugural ás 10.00 horas na Facultade de Óptica e Optometría, e alongarase ata o 2 de agosto nas instalacións do Campus Sur.
A celebración deste curso na Universidade de Santiago é froito da colaboración entre a Federación Galega de Balonmán, a Real Federación Española de Balonmán e a propia institución universitaria compostelá. Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán sinalaba que “a USC sumou dende o primeiro momento para converter a proposta nunha realidade e a día de hoxe podemos dicir que é todo un éxito que se poida celebrar aquí”.
O curso contará cun elenco de profesores de alto nivel como Manolo Laguna, Demetrio Lozano, Alberto Suárez, Rafael Guijosa, Jorge Dueñas, Julián Ruíz ou Pedro García, que dende o luns 15 alternarán as clases teóricas na Facultade de Óptica e Optometría coas sesións prácticas no pavillón de deportes e na sala de acondicionamento físico da USC así como no Restollal coa colaboración do Concello de Santiago.
A Escola Nacional de Adestradores da Real Federación Española de Balonmán é unha gran creadora e exportadora de talento. Na actualidade, os mellores equipos do mundo están a contar cos adestradores españois nas súas filas.