Skip to main content

O alumnado de Xornalismo da USC publica, en colaboración co CPXG, 'Ponte de Palabras', unha guía de xornalismo sobre a cuestión migratoria

A guía foi realizada coa coordinación dos profesores José Casás, Xosé López e Ana Isabel Rodríguez Vázquez e conta coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Grupo de Investigación ESCULCA
A guía foi realizada coa coordinación dos profesores José Casás, Xosé López e Ana Isabel Rodríguez Vázquez e conta coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Grupo de Investigación ESCULCA
A publicación quere contribuír a mellorar a información sobre unha cuestión que ten hoxe un papel protagonista na axenda social

O alumnado da materia de Redacción Informativa, do primeiro curso do grao de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela, vén de sacar á luz o proxecto ‘Ponte de Palabras. Xornalismo colaborativo e transmediático especializado na migración’, unha publicación que quere contribuír a mellorar a información sobre unha cuestión que ten hoxe un papel protagonista na axenda social.  Está dispoñible en https://pontedepalabras.wordpress.com/ e conta con perfís propios en Instagram e Tik Tok.

A guía foi realizada coa coordinación dos profesores José Casás, Xosé López e Ana Isabel Rodríguez Vázquez e conta coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Grupo de Investigación ESCULCA, da Facultade de Ciencias da Educación. Ponte de Palabras continúa o labor iniciado coa Guía de linguaxe inclusiva, así como as de Proxecto Xermolo, Proxecto Decode, Proxecto Ikigai e Proxecto FACTCOM, redactadas polo alumnado de anos anteriores.

Responsabilidade do xornalismo
‘Ponte de Palabras’ consta de cinco apartados diferenciados, comezando por un panorama da actual situación na sociedade respecto a cuestión migratoria, con especial foco na realidade histórica galega, áncora na que se amarra para poñer logo o foco no contexto actual a nivel internacional. No segundo dos epígrafes, ‘Xornalismo e migración’, analízanse a responsabilidade que ten a profesión no tratamento de informacións relativas a esta temática. En ‘Fontes e referencias’ ofrécese unha listaxe de fontes expertas, entidades e organismos institucionais aos que acudir á hora de facer coberturas sobre migración. ‘Entrevistas’ é un espazo para dar protagonismo a voces especializadas, desde diferentes perspectivas.

‘Guía de boas prácticas’ é o apartado máis completo, cun decálogo con recomendacións para abordar o tratamento de informacións sobre migración. O epígrafe conclúe con algún estudos de caso en medios de comunicación do ámbito español.  

Nacho Mirás, referente
Tanto o Proxecto Ponte de Palabras como os seus predecesores toman como referencia o traballo e o blog de Nacho Mirás, xornalista e profesor da facultade de Ciencias da Comunicación prematuramente falecido. Estas iniciativas forman parte dun conxunto de proxectos en homenaxe ao xornalista, que inclúen tamén a Bolsa Nacho Mirás para novas tituladas e titulados organizada polo CPXG ou a denominación da aula que leva o seu nome na Facultade de Ciencias da Comunicación.
 

The contents of this page were updated on 07.16.2024.