Skip to main content

O investigador Jose M. Tubío obtén unha bolsa Leonardo na convocatoria 2024

Jose M. Tubío, investigador do CiMUS da USC
Jose M. Tubío, investigador do CiMUS da USC
A Fundación BBVA concedeulle esta axuda para levar a cabo o proxecto ‘Mutación somática de tecido hepático no contexto da hepatite B’, financiado con 40.000 euros

O investigador do CiMUS da USC Jose M. Tubío obtivo unha das 58 Bolsas Leonardo da Fundación BBVA na convocatoria de 2024. A undécima edición deste programa de apoio á ciencia e á cultura de excelencia seleccionou, na área de Bioloxía e Biomedicina, o traballo ‘Mutación somática de tecido hepático no contexto da hepatite B’, dirixido polo investigador, que financiará con 40.000 euros o seu desenvolvemento nos próximos 18 meses.

O proceso de asignación das bolsas foi especialmente competitivo, concorrendo un total de 1.392 solicitantes nos dez campos contemplados e, especificamente, 270 na área de Bioloxía e Biomedicina, segundo comunicou a Fundación BBVA. “Un motivo máis de satisfacción e un novo impulso ao meu traballo no ecosistema galego de investigación”, manifesta o científico do CiMUS da USC.

As comisións avaliadoras da undécima edición das Bolsas Leonardo da Fundación BBVA seleccionaron 58 proxectos innovadores nun amplo rango de disciplinas da investigación científica e a creación cultural: trátase de proxectos individuais, desenvolvidos por persoas de entre 30 e 45 anos. O programa está composto por 10 áreas diversas da ciencia e a cultura: Ciencias Básicas (Física, Química, Matemáticas); Bioloxía e Biomedicina; Ciencias do Medio Ambiente e da Terra; Enxeñerías; Ciencias da Computación e Ciencia de Datos; Ciencias Sociais; Humanidades; Artes Plásticas; Música e Ópera; Creación Literaria e Artes Escénicas.

Perfil de excelencia
Ademais da súa traxectoria como divulgador, Jose M. Tubío destaca pola súa proxección nacional e internacional no campo da investigación en cancro e, de maneira transversal, polo impacto global das súas publicacións. Así, en 2019 foi nomeado Highly Cited Researcher 2019 pola Web of Science na categoría cross-field, o que o identifica como un dos científicos máis influentes do mundo en canto á calidade das súas publicacións.

No ano 2020, recibiu o ASEICA Young investigator Award da Asociación Española de Investigación Sobre o Cancro (ASEICA). En 2021, recibiu o XI Premio Nacional de Investigación en Cancro ‘Doctores Diz Pintado’. E, máis recentemente, en 2022, recibiu o III Premio Internacional a talentos novos en Oncoloxía ‘Ramiro Carregal’.

The contents of this page were updated on 07.24.2024.