Skip to main content

O Consello de Goberno modifica a súa normativa académica na procura de axilizar procedementos que beneficien o estudantado

O reitor Antonio López presidiu o Consello de Goberno da USC. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López presidiu o Consello de Goberno da USC. FOTO: Santi Alvite
Na sesión deste mércores presentouse un informe, aberto á reflexión, con propostas de criterios reitores para ordenar e actualizar a oferta de titulacións oficiais

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago adoptou na súa xuntanza deste mércores varias medidas encamiñadas a actualizar, optimizar e axilizar procedementos académicos co obxecto de dar unha mellor resposta ás necesidades do estudantado. Deste xeito, atendendo as demandas da comunidade universitaria, o goberno da USC aprobou unha modificación do Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos traballos de fin de grao (TFG) e de fin de mestrado (TFM) para habilitar os centros a que desenvolvan normativamente a posibilidade de autorizar a defensa deses traballos ao estudantado que acredite estar na fase final dos seus estudos oficiais, esixíndoselle que lle resten por superar como máximo 18 ECTS do grao ou 9 ECTS do mestrado e excluíndo deste cómputo os créditos que correspondan aos propios traballos de fin de estudos.

Ademais, con carácter xeral, aqueles centros nos que existan materias prácticas obrigatorias tamén poderán excepcionar o límite máximo de créditos pendentes nos casos nos que o estudantado non acredite a súa superación. En definitiva, serán os centros os que, de conformidade coa realidade das súas titulacións, teñan a capacidade decisoria con respecto a esta nova opción. Poderán tamén recoller na normativa sistemas de avaliación alternativos ou complementarios á do tribunal, permitíndose, por exemplo, con carácter xeral a defensa ante titor/a ou titores/as do traballo tamén nos casos dos TFM. Para que a modificación deses puntos concretos do antedito regulamento teña efecto, o Consello de Goberno deu hoxe o visto bo á Normativa sobre permanencia nas titulacións de grao e mestrado.

Mobilidade entre títulos
Por outra banda, coa fin de dotarse dunha normativa que abranga tanto o recoñecemento como a transferencia de créditos, que sexa máis áxil procedementalmente e reduza os tempos de ditado de resolución para o estudantado, o Consello aprobou o Regulamento de recoñecemento e transferencia de créditos para os estudos oficiais de Grao e Mestrado. Facilítase deste xeito a mobilidade tanto entre títulos universitarios oficiais españois como entre estes e os estranxeiros.

Entre as principais novidades deste regulamento figura a posibilidade de que as persoas interesadas poidan solicitar unha consulta previa do expediente para os efectos de ser informado das materias e actividades recoñecibles na titulación de destino na USC. Tamén se recollen medidas encamiñadas a axilizar estes procedementos en beneficio do estudantado como prazos de resolución máximos de un e dous meses, en función da tipoloxía do recoñecemento, eliminando en certos supostos trámites que a experiencia ten demostrado como ineficientes.

Por último, en materia académica aprobáronse pequenos axustes nos parámetros de ponderación de materias para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao no SUG no curso 2025-2026.

Ordenación da oferta de títulos
A elaboración dos criterios reitores de ordenación e actualización da oferta de titulacións oficiais da Universidade foi obxecto dun informe que se presentou nesta sesión do Consello, tal e como se acordara na sesión do Claustro Universitario do 30 de novembro pasado. As tarefas do grupo de traballo constituído para esta encomenda deu como resultado un documento estruturado sobre a base de cinco aspectos que, sinala, precisan da reflexión no seo da comunidade universitaria: o futuro dos estudos de grao, o futuro dos estudos de mestrado, a importancia de contar con datos fiables sobre a empregabilidade das persoas egresadas e a satisfacción dos grupos de interese, o marco normativo estatal e autonómico e o posible impacto das previsións demográficas nos próximos anos.

A partir dos datos e das reflexións contidas no devandito documento, a Comisión Mixta formada por membros da Comisión de Titulacións e Ordenación Docente do Claustro (CTOD) e da Comisión de Oferta Docente e Innovación Educativa (CODIE) elaboraron un decálogo como proposta de criterios reitores de ordenación e actualización da oferta de titulacións oficiais da Universidade, que servirá de punto de partida para o traballo a desenvolver ao longo do próximo curso 2024-2025.

Profesorado
No referido ao profesorado, na xuntanza aprobouse unha comisión de servizos, a asignación e convocatoria de catro prazas de profesorado vinculado e 12 de PACS, e a reposición de 28 vacantes de profesorado asociado de Ciencias da Saúde e a reasignación de 6. Así mesmo, deuse o visto bo ao acordo polo que se faculta a Vicerreitoría de Profesorado para convocar as prazas vacantes de profesorado axudante doutor e asociado que queden desertas ou vacantes coa fin de dar maior dilixencia aos procesos conducentes á convocatoria de novos concursos e así asegurar a cobertura das necesidades docentes.

A asignación de complementos por recoñecemento  da actividade investigadora de profesorado contratado (sexenios) e os complementos retributivos por recoñecemento da excelencia curricular así como as prórrogas de contratos de tres profesores contratados no departamento de Lingua e Literatura Española, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral foron outros puntos aprobados este mércores.

Outros asuntos
Outros asuntos a tratar na xuntanza foron a modificación da RPT de PTXAS laboral; a supresión do Instituto de Investigación en Análises Químicas e Biolóxicas (IAQBUS), xa que queda agora integrado no recente Instituto de Investigación do Medio Acuático para unha Saúde Global (iARCUS); as memorias de Institutos e centros de Investigación e plataformas Científico-Tecnolóxicas e a modificación da composición da Comisión Reitora do Campus Terra.

Os cursos de estudos propios e as súas memorias, convenios e tarifas e a declaración do carácter excepcional e singular dunha solicitude de subvención obxecto de convenio á Deputación da Coruña para financiar a programación dunha actividade completan os asuntos tratados na  reunión. 
 

The contents of this page were updated on 07.24.2024.