Skip to main content

A USC acolleu, por primeira vez en Galicia, a XV edición do Día da Química

A USC acolleu, por primeira vez en Galicia, a XV edición do Día da Química
A USC acolleu, por primeira vez en Galicia, a XV edición do Día da Química

A celebración oficial do Día da Química chegou este ano por primeira vez a Galicia. Trátase dun evento creado por distintos organismos e asociacións do sector químico en España co fin de impulsar a divulgación desta ciencia e a súa industria e sensibilizar sobre a súa contribución á mellora da calidade de vida. A Facultade compostelá de Química foi a anfitrioa do acto, organizada polo Foro Química y Sociedad xunto ás outras dúas universidades galegas e a colaboración da propia facultade, o Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) e a Sección Autonómica de Galicia da Real Sociedad Española de Química.

O acto inaugurárono o reitor Juan Viaño; a decana, Pilar Bermejo, e o presidente do Foro Química y Sociedad, Carlos Negro. Na cerimonia interveu ademais Luis M. Liz-Marzán, profesor de investigación Ikerbaske e director científico do CIC biomaGUNE, coa conferencia ‘Algunhas achegas da química á nanotecnoloxía’.

Doutor en Química pola USC, Liz-Marzán é un dos pioneiros na síntese de nanopartículas metálicas e deseñou aplicacións relacionadas coa detección ultrasensible e a diagnose precoz de enfermidades. Conta con máis de 20 anos de experiencia investigadora nas universidades de Vigo, Utrech, Tohoku, Michigan, Melbourne, Hamburg e no Max Planck Institute of Colloids and Interfaces. Entre outras distincións, conta coa Medalla da Real Sociedad Española de Química, e en 2015 recibiu o premio Rey Jaume I á Investigación Básica pola súa achega á ciencia de materiais, relacionando química e bioloxía.

Entrega de premios
A celebración do Día da Química leva aparellada a entrega de diversos premios de recoñecemento profesional, científico e académico. Así, o IX SusChem Xóvenes Investigadores Químicos na categoría Futura -que recoñece o mellor expediente académico- recaeu na graduada en Química pola Universidade de Sevilla Marina Pérez Jiménez. Pola súa banda, na categoría Innova ao mellor traballo a partir dunha colaboración público-privada nunha área relacionada coa química sostible o gañador foi Alberto Puga Vaca por ‘Fragrance compositions comprising ionic liquids’ , desenvolvido en Ionic Liquid Laboratories (QUILL) da Queen’s University de Belfast.

O premio á excelencia Química do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Químicos de España foi nesta ocasión para o Grupo Técnicas Reunidas “ en recoñecemento á súa labor empresarial, ás súas iniciativas, boas prácticas e ao impulso de desenvolvementos innovadores postos en marcha nos últimos anos no mundo da química”. Grupo Técnicas Reunidas desenvolve a súa actividade como enxeñaría da industria química, máis concretamente, no campo do petróleo e o gas natural.

Por último, entregóuselle o Premio ANQUE 2017 ao recoñecemento corporativo e profesional a Félix García-Ochoa, catedrático de Enxeñaría Química da Universidade Complutense de Madrid.

O Día de la Química 2017 foi clausurado por Pilar Bermejo, presidenta da Conferencia Española de Decanos de Química; Ernesto Castañeda, presidente da Asociación Nacional de Químicos de España; Antonio Deusa, vicesecretario xeral e coordinación Área Externa de UGT-FICA; e Jesús Oitavén Barcala, secretario xeral da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, acompañados polo presidente do Foro Química y Sociedad, Carlos Negro.

Ata o momento, esta celebración tivo lugar en Salamanca (2003), Alcalá de Henares (2004), Barcelona (2005), Valencia (2006), Tarragona (2007), Oviedo (2008), Burgos (2009), Murcia (2010), Barcelona (2011), Madrid (2012), Granada (2013), Santander (2014), Madrid (2015) e Huelva (2016).

The contents of this page were updated on 11.15.2017.