Skip to main content

A Xornada de recursos educativos en galego céntrase na educación de adultos

A Xornada de recursos educativos en galego céntrase na educación de adultos
A Xornada de recursos educativos en galego céntrase na educación de adultos

A xornada de Recursos educativos en galego coa que colabora a Facultade de Ciencias da Educación chega o 24 de novembro á súa décima edición poñendo o foco nesta ocasión sobre a educación en adultos. Trátase de reflexionar sobre os recursos en galego de que dispón o corpo docente e motivar para crear outros novos. O prazo de matrícula, que é de balde, está aberto ata o próximo día 20.

A xornada artéllase arredor da exposición e debate de sete recursos e experiencias educativas con persoas adultas en lingua galega: o ensino da física mediante procedementos situados, as saídas de campo no cuarto ciclo universitario (maiores de 65 anos), o ensino da lingua galega a reclusos do cárcere da Lama, activación da memoria en doentes de Alzéimer, a xestión do coñecemento, o uso de novas tecnoloxías por persoas con discapacidade intelectual ou a aprendizaxe por proxectos con persoas adultas con parálise cerebral.

Co encontro búscase que o alumnado da Facultade de Ciencias da Educación poida tomar conciencia da importancia que teñen os recursos educativos na práctica docente, así como coñecer de primeira man cales son os materiais didácticos en galego dos que poderá dispoñer no seu futuro profesional. Así mesmo, persegue fornecer aos futuros profesionais de estratexias e criterios que lles permitan non só coñecer e empregar os recursos existentes senón adaptalos e reelaboralos para atender ás diferentes necesidades de ensino-aprendizaxe que se desenvolven na aula e nos diferentes centros de Galicia.

As xornadas de recursos educativos en galego están organizadas pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística e a achega económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

The contents of this page were updated on 11.13.2017.