Skip to main content

As xornadas de lingua e literatura galegas no ensino abordarán o multilingüismo e a variedade

As terceiras Xornadas de Lingua e Literatura Galegas no ensino desenvolveranse en Filoloxía este venres 17 e o sábado 18 co lema ‘ Ensinar galego dende o multilingüismo e a variedade. Enfoques e experiencias’. Están destinadas ao profesorado de ensino secundario da especialidade de Lingua galega e literatura así como a todas aquelas persoas preocupadas polo ensino e aprendizaxe deste idioma. As xornadas están homologadas pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como actividade de 12 horas de formación permanente do profesorado.

Os dous centros de interese do programa serán as actitudes lingüísticas da mocidade, con especial atención ao tratamento na aula da complexa relación existente entre a variedade estándar e as variedades faladas vernáculas, e os retos que impón o plurilingüismo na aula, con especial atención ao traballo integrado de linguas. A finalidade desta acción formativa será ofrecer unha oportunidade para a reflexión sobre algúns aspectos da situación sociolingüística e do marco legal educativo galegos que teñen un impacto directo na docencia desta lingua, ao tempo que se ofrecen como foro de intercambio de ideas, suxestións e experiencias para o profesorado de lingua e literatura galegas, en exercicio ou en formación.

Programa
A inauguración oficial celebrarase ás 18.00 horas para dar paso á intervención de do investigador da USC Bieito Silva titulada ‘Ensino e aprendizaxe de linguas en Galicia. Estratexias para un plurilingüismo inclusivo’. Na segunda parte da xornadas, a partir das 20.00 horas, desenvolverase a mesa redonda sobre experiencias TIL para o ensino secundario que moderará a inspectora educativa Isabel Serna e na que interveñen Ana Mª Rial Masiá, do IES Aquis Celenis de Caldas de Reis; Mª Blanco Crespo, do IES Xulián Magariños de Negreira; e Rosalía Fernández Rial, do IES San Clemente de Santiago.

O programa do sábado comezará ás 10.00 co relatorio de Mercedes Queixas Zas, do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco, titulado ‘O TIL en proxectos lingüísticos de futuro: reflexión na busca de estratexias’ e continuará cunha quenda de palabras arredor das variedades lingüísticas na aula e na planificación lingüística do centro.

The contents of this page were updated on 11.16.2017.