Skip to main content

A USC reorganiza a súa estrutura de xestión dos estudos de doutoramento

De esquerda a dereita, Ramón Leis, Roberto López, Mercedes Brea, Juan Viaño, Juan Zalvide, Eugenio Vázquez e Juan G. Álvarez. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Ramón Leis, Roberto López, Mercedes Brea, Juan Viaño, Juan Zalvide, Eugenio Vázquez e Juan G. Álvarez. Foto: Santi Alvite
O reitor mantivo unha xuntanza cos equipos de dirección das escolas de doutoramento internacional e do Centro Internacional de Estudos de Doutoramento e Avanzados da USC

O reitor Juan Viaño reuniuse co director do Centro Internacional de Estudos de Doutoramento e Avanzados da USC (CIEDUS), Ramón Leis Fidalgo, e cos das catro recentemente creadas escolas de Doutoramento Internacional (EDI) que agrupan as grandes áreas de coñecemento: en Ciencias da Saúde; en Ciencias e Tecnoloxías; en Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas; e Campus Terra, Juan Zalvide Torrente, Eugenio Vázquez Sentís, Mercedes Brea López e Juan G. Álvarez González, respectivamente.

A recente creación destas catro escolas ao abeiro do CIEDUS busca potenciar os estudos oficiais de doutoramento da USC en base a un grao de especialización que atenda as particularidades de cada área de coñecemento en consonancia coas liñas estratéxicas de investigación da USC. Esta estrutura permite ademais promover e facer máis visibles os estudos de máis alto rango académico así como prestar o apoio necesario tanto a coordinadores/as, directores/as e titores/as dos distintos programas, como ao seu alumnado.

Na nova estrutura, o CIEDUS asume a xestión e a coordinación das ensinanzas de doutoramento da USC así como dos procesos que conduzan á obtención do título de doutor/a, ademais das actividades atribuídas actualmente ao Centro de Estudos Avanzados. Xunto este centro, e como explica o profesor Ramón Leis, as outras catro escolas terán responsabilidade directa na xestión académica do doutoramento e dos seus programas concretos e abre a posibilidade, a través da especialización por áreas, á definición de actividades académicas comúns orientadas e adaptadas a cada rama.

Cada Escola contará cunha Comisión Académica que se encargará de establecer os criterios académico nos estudos de doutoramento desa área, a admisión a trámite das teses, a designación de membros dos tribunais, a proposta de recoñecemento de estudos, ou a emisión de informes sobre títulos de acceso aos estudos ou homologación de títulos, entre outras.

En conxunto, a estrutura proposta dá resposta aos acordos do Claustro recollidos na Programación Plurianual 2015-2018 que asume a necesidade dunha reorganización dos estudos de doutoramento para enfrontarse aos retos de xestión e académicos dun sistema complexo. No caso da USC, integran o doutoramento medio cento de programas, máis de tres mil alumnos/as e dous mil integrantes do persoal docente e investigador, cunha crecente proceso de internacionalización da demanda destes estudos. A este respecto, o director do CIEDUS lembra que o 20% do alumnado neste capítulo é estranxeiro. A nova organización, ademais de potenciar estes estudos, reforza os papeis de dinamización académica interdisciplinar e de divulgación e transferencia á sociedade do coñecemento e dos resultados da investigación xerada na USC.

Igualmente, a posta en marcha da EDI Campus Terra dará resposta á demanda dunha unidade administrativa de doutoramento en Lugo. Esta escola está constituída maioritariamente por programas de doutoramento vinculados ao Campus lugués e que desenvolverá a súa actividade fundamentalmente neste Campus.

The contents of this page were updated on 11.14.2017.