Skip to main content

Un estudante da USC, recoñecido nos Premios Arquímedes

David Mosquera (á dereita) co seu director de TFM, Enrique Macías
David Mosquera (á dereita) co seu director de TFM, Enrique Macías
Por un traballo sobre técnicas topolóxicas para coñecer o número de ordenadores conectados a unha rede sen fíos ou detectar vehículos circulando por estradas, por exemplo

O alumno da Facultade de Matemáticas David Mosquera Lois fíxose con dous dos premios Arquímedes convocados polo Ministerio de Educación. Nesta vixésimo sexta edición, o estudante da USC acadou o segundo premio na Área de Ciencias Experimentais, Exactas e Ambientais –dotado con 5.000 euros– e un especial consistente nunha estancia de dúas semanas nun centro de investigación do CSIC.

Os Premios Arquímedes teñen como obxectivo fomentar o espírito investigador do alumnado universitario mediante a concesión de premios a traballos de investigación. Dos máis de 300 presentados, o xurado seleccionou 25 finalistas –entre eles David Mosquera– dos que saíron os gañadores nas catro ramas de coñecemento: Ciencias Experimentais, Enxeñaría, Ciencias Biomédicas e Ciencias Sociais e Humanidades.

David Mosquera concorreu co traballo de fin de máster ‘Integración con respecto á característica de Euler-Poincaré’ que lle dirixiu o profesor Enrique Macías Virgós, do Departamento de Matemáticas da USC, na especialidade de ‘topoloxía alxebraica aplicada’. Nel investiga o uso de técnicas topolóxicas avanzadas para estudar problemas tan diversos como o reconto de persoas presentes nun momento dado nunha sala de aeroporto a través de cámaras, o número de ordenadores conectados a unha rede sen fíos, a detección de vehículos circulando por estradas ou o cálculo do número de réplicas dun terremoto. O traballo supón tamén un desenvolvemento teórico dalgunhas desas técnicas.

O estudante, que se mostrou “moi satisfeito” por ver “recoñecido o meu traballo de todo un ano”, realizou o grao e o Máster de Matemáticas na USC, e na actualidade está comezando o seu doutoramento.

The contents of this page were updated on 11.16.2017.