Skip to main content

Comezaron as xornadas sobre discapacidade e universidade

Comezaron as xornadas sobre discapacidade e universidade
Comezaron as xornadas sobre discapacidade e universidade

As xornadas ‘ Universidade e discapacidade: favorecendo o coñecemento, fomentando a inclusión’ deron comezo este venres na Facultade de Matemáticas co acto inaugural no que participaron a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Mª Dolores Álvarez; o presidente da FAXPG, Iker Sertucha; e o vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo Lestón.

A continuación interveu o ex valedor do Pobo e profesor de Dereito Público e Teoría do Estado da USC, José Julio Fernández Rodríguez, co relatorio ‘Os retos da atención á diversidade nos estudos superiores’. Seguiulle a directora do ICE, Ana Porto, coa presentación do Estudo sobre o grao de inclusión na USC do alumnado con discapacidade: a perspectiva da comunidade universitaria.

Pola tarde é a quenda do coordinador do Servizo de participación e Integración universitaria, Javier Agrafojo, cunha charla sobre boas prácticas na actuación con persoas con necesidades educativas especiais e algunhas propostas da USC. A xornada remata con obradoiros sobre as normas de actuación con persoas con discapacidade visual, auditiva e motriz, que se repiten o sábado. Como broche final, proxéctase o documental Mais ca Vida , un proxecto audiovisual do director galego Rubén Riós.

Durante as xornadas daráselle aos alumnos participantes a posibilidade de colaborar na creación de grupos de apoio informais que fixeran un seguimento da inclusión dos compañeiros con necesidades educativas específicas na vida diaria na aula. Desta maneira incídese nos obxectivos operativos do proxecto, como son a promoción do traballo entre iguais e dos apoios naturais para o desenvolvemento de proxectos inclusivos na aula que faciliten a normalización do alumnado con necesidades educativas específicas na vida académica e a creación de grupos de traballo na aula que contemplen a diversidade como un elemento enriquecedor para a formación integral do alumnado.

The contents of this page were updated on 11.16.2017.