Skip to main content

Aberto ata o 22 de setembro o prazo de inscrición na Orquestra e no Coro da USC para o novo curso

Integrantes da Orquestra da USC nun concerto en decembro. FOTO: Santi Alvite
Integrantes da Orquestra da USC nun concerto en decembro. FOTO: Santi Alvite
A convocatoria para instrumentistas require o envío dun vídeo, mentres que a selección de voces terá lugar o martes 24 de setembro en Ciencias da Comunicación

A Orquestra e o Coro da USC abren ata o 22 setembro o prazo para inscribirse e participar nas súas actividades no curso 2024/25. Tanto a Orquestra coma o Coro son proxectos educativos musicais da Área de Cultura da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura nos que poden participar aquelas persoas que teñan coñecementos dun instrumento orquestral dos indicados na presente convocatoria, no caso da Orquestra, e persoas interesadas en formarse no canto coral no caso do Coro.

A convocatoria da Orquestra, que dirixe Mario Diz, está dirixida a participar nela cos seguintes instrumentos: violín, viola, violonchelo, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, fagot, trompa, trombón, trombón baixo, tuba, percusión, piano, cravo e arpa. Para participar no proxecto orquestral no curso 2024-25 realizarase unha selección entre as persoas aspirantes a través do envío dun vídeo por calquera canle tipo WeTransfer, YouTube, Dropbox, etc, ao correo electrónico orquestra.universidade [at] usc.es (orquestra[dot]universidade[at]usc[dot]es) indicando o nome e apelidos da persoa solicitante e deberán envialo ata o 22 de setembro. Así mesmo deberán cubrir este formulario tamén ata o 22 de setembro.

A admisión quedará supeditada á superación da audición prevista para tal efecto, tendo preferencia o estudantado -que poderá obter ata seis créditos ECTS en dous cursos- e os membros da comunidade universitaria da USC. A Orquestra ensaiará todos os martes lectivos do curso, agás nos períodos de exames, de 21.30 a 23.30 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación, ademais dos ensaios extraordinarios que poidan programarse. entre os meses de outubro e xuño.

Mentres, para participar no Coro da USC realizarase unha proba presencial entre as persoas interesadas o martes 24 de setembro de 2024 ás 19.00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación onde cada persoa deberá realizar unha breve interpretación a libre elección de repertorio a capella ou sen acompañamento; así mesmo, terá que participar nun pequeno exercicio vocal coa finalidade de coñecer mellor o rexistro vocal. A persoa solicitante previamente deberá inscribirse a través do formulario de inscrición ata o 22 de setembro.

O estudantado seleccionado poderá obter ata seis créditos ECTS en dous cursos. O Coro ensaiará todos os martes lectivos do curso 2024-25, agás nos períodos de exames, de 19.30 a 21.00 horas, ademais dos ensaios extraordinarios que poidan programarse.

O Coro da USC nun concerto en decembro. FOTO: Santi Alvite
O Coro da USC nun concerto en decembro. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 09.05.2024.