O XVII Congreso Nacional de Viroloxía que se desenvolve en Santiago abre as portas á cidadanía cunha sesión divulgativa este martes
A Facultade de Dereito reúne esta semana centos de persoas expertas no XVII Congreso Nacional de Viroloxía, unha cita que recolle a diversidade investigadora que caracteriza o estudo dos virus, tanto no seu concepto máis básico como nas súas vertentes aplicadas e biotecnolóxicas dos ámbitos humano, veterinario e vexetal.
Fóra da axenda propiamente académica e coa fin de achegar a Sociedade Española de Viroloxía e a viroloxía en xeral ao conxunto da sociedade, o martes 3 haberá unha sesión de divulgación aberta ao público en xeral na que falarán Ignacio López-Goñi, da Universidade de Navarra, sobre 'A comunicación da ciencia: a mellor maneira de transferir o coñecemento á sociedade', e Margarita del Val, do Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa de Madrid, sobre 'Estamos preparados para a próxima pandemia?'.
Inauguración e programa
O encargado de inaugurar o encontro este luns é o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo, nun acto no que tamén participan o presidente do comité organizador e decano da Facultade de Bioloxía da USC, Jesús López Romalde; a concelleira de saúde compostelá Pilar Lueiro e o presidente da Sociedade Española de Viroloxía, Albert Bosch. A conferencia inaugural foille encargada a Cara Burns, dos Centers for Disease Control and Prevention (CDC) dos Estados Unidos, e a continuación ten lugar a do gañador do Premio Virólogo Senior SEV 2023 Adolfo García Sastre, da Mount Sinai School Medicine de Nova York, nos Estados Unidos.
A xornada do mércores 4 comeza co simposio 'Terapia e vacinas', no que participan Adolfo García Sastre, Luis Enjuanes, María Josefina Carlucci e Irene Rivero. O xoves terá lugar o simposio 'Epidemioloxía e cambio climático' con Rafael Delgado, César Muñoz Fontela, Ana Fernández Sesma e Mari Paz Sánchez Seco.