Skip to main content

A enfermidade, o desexo ou o pensamento cambiaron a percepción sobre o corpo humano desde a Antigüidade

María Isabel Casal, esquerda, Ernesto González Seoane, Xavier de Donato e Pedro López-Barja na inauguración do seminario. FOTO: Santi Alvite
María Isabel Casal, esquerda, Ernesto González Seoane, Xavier de Donato e Pedro López-Barja na inauguración do seminario. FOTO: Santi Alvite
Un seminario internacional na Facultade de Filosofía e unha exposición na Igrexa da Universidade mostran como se representou a figura humana ata a época barroca

A visión que as persoas tiveron e teñen dos seus propios corpos variou enormemente ao longo da historia, tal como se está a constatar esta semana no seminario internacional 'O Corpo Humano entre a antigüidade e o barroco: ciencia, arte e pensamento', que se desenvolve desde este mércores e ata o venres 6 de setembro na Facultade de Filosofía. Os relatorios e debates teñen como complemento na Igrexa da Universidade unha exposición de libros antigos e paneis con textos e ilustracións relacionados con este tema, que se poderá ver ata o mércores 11 de setembro.  

O vicerreitor de Profesorado, Ernesto González Seoane, presidiu este mércores no Salón de Actos de Filosofía a inauguración do seminario, nun acto no que estivo acompañado polo decano da Facultade, Xavier de Donato, quen se referiu ao contido do seminario; a directora da Biblioteca Universitaria María Isabel Reyes; e o coordinador do grupo de investigación Síncrisis, Pedro López-Barja.

O seminario está organizado por membros do Instituto de Humanidades da USC (iHUS) pertencentes ás Facultades de Filosofía, Filoloxía e Xeografía e Historia da USC, estando integrado o comité por Xavier de Donato, Irune Valderrábano, Laura Mª Lojo Rodríguez, Pedro López Barja e Carme López Calderón. Nel abórdanse temas como a relación entre corpo e enfermidade na Galicia medieval, mitos clásicos coma os relacionados coas mulleres amazonas ou a deshumanización do corpo das persoas escravas na antiga Roma.

A exposición aberta na Igrexa da universidade, que estará aberta ata o 11 de setembro,  inclúe unha colección de valiosos exemplares de libros de anatomía e doutras obras relacionadas co corpo humano pertencentes á Biblioteca Xeral da USC, algunhas delas cunha antigüidade de case catro séculos. Estes volumes están abertos polas páxinas nas que se encontran as ilustracións de maior interese e permiten contemplar como se expresaba graficamente o concepto sobre o corpo que se tiña nas sociedades de diferentes países en distintas épocas, aínda que tendo como límite temporal a época barroca.

Á beira dos libros con ilustracións orixinais é posible ver unha serie de paneis nos que se presentan, a través de imaxes de esculturas, pinturas ou ilustracións, representacións de corpos de mulleres e homes realizadas desde a Antigüidade.
 

The contents of this page were updated on 09.04.2024.