Unha mesa redonda en Filoloxía celebra os 20 anos de Lectorado Brasileiro na Facultade de Filoloxía
Este curso académico cómprense dúas décadas da existencia de Lector/a Brasileiro/a no Departamento de Filoloxía Galega da Facultade. Con este motivo, este martes 21 terá lugar unha mesa redonda na que se dará conta dos 20 anos deste Lectorado, que sitúa a USC en punto de referencia para os Estudos Lusófonos internacionalmente.
A aposta do núcleo de profesorado de portugués da USC por esta representación brasileira –pioneira no Estado- veu complementar a portuguesa, que se iniciou na década de 1930 asegurada polo Camões. Instituto da Cooperação e da Língua, e conviviu, ao longo de seis anos, coa presenza dun Lector dos Países Africanos de Lingua Portuguesa.
Entre as funcións a desenvolver no ámbito do Lectorado Brasileiro, ademais do apoio á docencia de materias de lingua, literatura e cultura, atópase a promoción e organización de actividades de difusión cultural do Brasil en colaboración cos integrantes do Núcleo de Portugués e, de modo mais específico, con quen traballa nesa área de estudo.
A mesa redonda ‘O Brasil na USC: 20 anos de Leitorado Brasileiro na Faculdade de Filologia’ terá lugar ás 11:00 horas na sala C03 de Filoloxía.