Jorge Mira recolleu o Premio Prisma Especial do Xurado na súa 30ª edición

O catedrático de Electromagnetismo da USC Jorge Mira recolleu este sábado na Coruña de man do alcalde Xulio Ferreiro o galardón Especial do Xurado da 30ª edición dos Premios Prisma, unha iniciativa dos Museos Científicos Coruñeses e do Concello da cidade.
Na concesión do premio ao profesor da Universidade compostelá, o xurado destacou a súa contribución á divulgación da ciencia e o seu estímulo á aprendizaxe da mocidade e á promoción da cultura científica, “manexando todo tipo de formatos divulgativos e sacando o coñecemento científico á rúa”.
Entre o elenco de premiados na categoría especial do xurado figuran entidades e persoeiros do mundo da ciencia tan destacados como Ángel Carracedo Alvárez, Margarita Salas, Manuel Toharia, Miguel Ángel Quintanilla ou o Instituto Astrofísico de Canarias.
O xurado estivo presidido polo catedrático de Medicina Legal da USC, Ángel Carracedo, e tamén formaron parte a catedrática de Xornalismo da Universidade de Valencia, Carolina Moreno; o profesor da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños da UDC, Manuel F. Herrador; a xornalista, directora de Comunicaciones Mil e organizadora das Xornadas de Divulgación Innovadora D+i, Carmen Serrano; o director do Parque Nacional Illas Atlánticas, José Antonio Fernández Bouzas; a xornalista e responsable da delegación do CSIC en Andalucía, Erika López Palma; e o coordinador do certame, Leopoldo García Sobrado.