Skip to main content

Orixinalidade e humor protagonizan os vídeos premiados no certame de pezas audiovisuais Vémolo Nós

Fotograma do vídeo gañador da categoría A, 'Falando de vacas'
Fotograma do vídeo gañador da categoría A, 'Falando de vacas'
Os nomes das vacas, unha homenaxe á gata Carolina da Biblioteca Concepción Arenal ou a vida dun estadounidense que aprende galego son algúns dos contidos galardoados

A interacción co medio rural, a vida na Universidade de Santiago e a lingua galega son os tres grandes temas que se abordan, con moita orixinalidade e humor, nos seis vídeos galardoados na segunda edición do certame Vémolo Nós, convocado pola Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación a través do Servizo de Normalización Lingüística da USC.

Na categoría A, sobre divulgación do coñecemento, o primeiro premio foi para un vídeo de Rocío Manteiga Souto titulado Falando de vacas, no que amosa como viven estes animais no rural galego e a importancia de darlles nomes, como factor que inflúe no seu benestar. O vídeo finalista nesta categoría é de Daniel Abella López e Adrián López Teijeiro, que elaboraron unha peza titulada A biotecnoloxía no rural galego, na que expoñen unha serie de avances que se aplican na actualidade nese eido.

Obtivo o primeiro premio na categoría B, que ten como lema Descubrindo a USC, o vídeo Homenaxe a Carolina, de Iria Losada Rodríguez, dedicado á gata da Biblioteca Concepción Arenal do Campus Sur compostelán. Foi finalista Dende o SEPIU, de Cecilia Álvarez Corujo, David Marante Manteiga, Paula Martínez Collazo e Sara Rodríguez Ourille, unha peza na que presentan os membros do Servizo de Participación e Inclusión Universitaria (SEPIU) cunha estética inspirada nas películas de axentes secretos de mediados do século XX.

E na categoría C, co lema Protagonista: o galego, recibiu o primeiro premio Iker Fernández Villar polo audiovisual Aaron Bennett Kleinschmidt, un estadounidense aprendendo galego, no que se mostra como este mozo e profesor se achega á cultura galega a través da lingua. Foi finalista Falar galego é de balde de Irimia Pérez Sánchez e Manuel García Amado, no que recollen unha serie de ditos galegos apropiados para distintos situacións, como os populares “Marcho que teño que marchar” ou “Chegar e encher”.  

O concurso Vémolo Nós pretende fomentar o uso do galego como lingua de divulgación científica no audiovisual e busca constituír un compendio de materiais audiovisuais útiles para a docencia no ámbito universitario e para que o profesorado teña como referentes produtos audiovisuais de calidade á súa disposición que sirvan de modelo para a creación deste tipo de materiais. Ao tempo, o certame propón como retos coñecer a historia da USC a través de personaxes e fitos que deixaron pegada na súa traxectoria e amosar a utilidade do galego na futura vida laboral das universitarias e dos universitarios.

Tanto o audio coma os textos que inclúen os audiovisuais están en lingua galega e cada unha das tres pezas galardoadas reciben como premio 1.500 euros e as finalistas 300 euros. 

The contents of this page were updated on 09.12.2024.