Skip to main content

O Programa Iacobus fai balance de dez anos de cooperación científica entre entidades de Galicia e o Norte de Portugal

A cooperación en investigación é unha das claves da Rede IACOBUS. FOTO: Santi Alvite
A cooperación en investigación é unha das claves da Rede IACOBUS. FOTO: Santi Alvite
Este mércores desenvólvese no Edificio Tecnolóxico do Campus de Ourense o primeiro congreso no que se incorporan novos centros tecnolóxicos e se consolida esta rede de coñecemento e innovación da Eurorrexión

As entidades integrantes da rede de coñecemento e innovación IACOBUS que compoñen entidades de Galicia e o Norte de Portugal reúnense este mércores 18 de setembro en Ourense no seu primeiro congreso, destinado a fortalecer as relacións as persoas beneficiarias das convocatorias para estadías de investigación, papers e patentes. O encontro, que comeza ás 10.00 horas, terá lugar na sala Marie Curie do Edificio Politécnico do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.

O congreso, organizado desde a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (FCEER), en colaboración coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT-GNP), marcará o inicio dunha programación bianual que se desenvolverá nas seis universidades públicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, entre as que se encontra a Universidade de Santiago de Compostela, co obxectivo de darlles visibilidade aos resultados dos proxectos conxuntos de I+D+i desenvolvidos na Eurorrexión, así como para continuar coa articulación da rede.

O reitor da USC Antonio López asistirá xunto co seu homólogo de Vigo, Manuel Reigosa, ao acto inaugural no que tamén participarán o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o director da AECT-GNP, Nuno Almeida, e o presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte de Portugal, António Cunha.

Durante a mañá producirase a sinatura do convenio para a incorporación de novos centros tecnolóxicos á rede, nun acto presidido polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo. A continuación falarase das metas do Programa IACOBUS e farase un repaso dos logros conseguidos nos seus dez anos de funcionamento. Pola tarde, representantes das institucións participantes no Programa amosarán a súa visión sobre el e finalmente

Os principais obxectivos do Programa IACOBUS son promover e fomentar as sinerxías e o desenvolvemento conxunto de actividades de investigación, formación e difusión entre universidades, institutos politécnicos, centros tecnolóxicos e fundacións biomédicas vinculadas a universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Este programa forma parte do proxecto REDE_IACOBUS cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.
 

Programa do congreso
Programa do congreso
The contents of this page were updated on 09.16.2024.