Skip to main content

O CFP lanza a segunda edición do programa de formación docente e de acollida para o novo profesorado axudante doutor

O programa diríxese ao profesorado axudante doutor/a contratado pola USC. Foto: Santi Alvite
O programa diríxese ao profesorado axudante doutor/a contratado pola USC. Foto: Santi Alvite
A iniciativa busca facilitar a integración deste profesorado na USC así como desenvolver as súas competencias docentes

Coa fin de mellorar as capacidades e competencias docentes do novo profesorado, facilitar a súa integración na USC e dar a coñecer os principios e valores públicos da Universidade, o Centro de Formación de Persoal (CFP) lanza a segunda edición do programa de formación de acollida e formación docente inicial dirixido ao profesorado axudante doutor de novo ingreso. A primeira edición, correspondente ao pasado curso, completárona 29 axudantes doutores/as.

O programa diríxese ao profesorado axudante doutor/a contratado pola USC en 2024 para impartir docencia no ano académico 2024-2025 e a quen estea pendente de asinar o novo contrato, pero tamén a quen se incorporara no curso pasado pero con posterioridade ao inicio da primeira edición. E se ben a matrícula dos primeiros farase de oficio, estes últimos deberán solicitar a súa admisión no prazo de dez días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.

Mellora do programa formativo
Logo da primeira edición, o CFP realizou unha enquisa de satisfacción tanto ao profesorado das materias como ao propio alumnado da que se extraeron suxestións que contribuíron de maneira significativa a este segundo programa tanto no que ten que ver coa calendarizacion do programa formativo como coas exencións, que se flexibilizaron.  Así, a respecto deste último punto elimináronse os topes da primeira convocatoria e agora establécese que calquera persoa que poida acreditar formación previa como estudante ou experiencia como docente nos contidos dalgunhas das materias no prazo dos últimos dez anos, poderán quedar exentas de realizalos.

O programa segue a ter unha carga lectiva global de 126 horas, pero adiántase a súa extensión ao presente mes de setembro. A actividade consta de cursos sobre competencias transversais, en modalidade de autoformación a través da Aula Virtual da USC, e competencias docentes, a desenvolver de maneira presencial tanto en Santiago de Compostela como en Lugo ou telepresencial na aplicación corporativa Teams.

Para superar o programa cumprirá a superación dun número de cursos equivalente a, como mínimo, o 75% das 126 horas do programa (94,5 horas), e o 75% das 74 horas de formación en competencias docentes (55 horas).

LOSU
Este novo programa da USC atópase en coherencia co establecido na LOSU, segundo a cal “as universidades desenvolverán a formación inicial e continua para a capacitación docente do profesorado como liña prioritaria da súa actividade”. Ademais, a lei concreta no artigo 78 que “para o desenvolvemento da súa capacidade docente, as profesoras/es axudantes doutoras/es deberán realizar, no primeiro ano de contrato, un curso de formación docente inicial cuxas características serán establecidas polas universidades, de acordo coas súas unidades responsables da formación e innovación docente do profesorado”. 

Por outra banda, a ‘Estratexia de Formación da USC 2023-2026. Bases para a oferta formativa do persoal da USC’ estrutura a formación en varios eixes, entre eles, os programas, que responden ás diversas necesidades formativas que o persoal pode experimentar ao longo da súa vida profesional e que estarán formados por módulos e actividades formativas de temática diversa. 
 

The contents of this page were updated on 09.18.2024.