Skip to main content

A agravante de aleivosía doméstica na violencia de xénero e a reeducación do sistema educativo dende o feminismo, iniciativas premiadas pola USC

Foto de grupo das persoas gañadoras coas autoridades. Foto: Santi Alvite
Foto de grupo das persoas gañadoras coas autoridades. Foto: Santi Alvite
Entregáronse este xoves os premios á introdución da perspectiva de xénero que xa van pola súa décimo quinta edición

Coa fin de promover a introdución da perspectiva de xénero na docencia e a investigación, a USC convoca uns premios cos que recoñecen estudos científicos e experiencias na aula que contribúan a seguir avanzando na igualdade no ámbito universitario. Este xoves tivo lugar o acto de entrega nunha cerimonia desenvolvida no Salón Nobre de Fonseca que presidiu o reitor Antonio López, que se mostrou “moi satisfeito por ver que a perspectiva de xénero podemos trasladala a todos os ámbitos do coñecemento”. “Como dicía Paulo Freire, ao mellor nós non podemos cambiar o mundo, pero podemos formar as persoas que van cambialo”, dixo.

Estes recoñecementos, que xa van pola súa décimo quinta edición, outórgase nas categorías de docencia e de investigación. A primeira para premiar experiencias nas aulas e a segunda para traballos que inclúan a perspectiva de xénero na formulación de hipótese, deseño e proxecto, metodoloxía e implementación da investigación, así como na publicación de resultados obtidos.

Educación feminista e agravante de aleivosía doméstica 
O primeiro premio de docencia foi para o proxecto ‘Cartografía sociopedagóxica e corporalidade dende o feminismo’, desenvolvido por Lorena Añón e Jorge García, na que se buscou “incorporar, de forma permanente, as lentes violetas no alumnado da materia de Socioloxía da Educación”. Así, a través da elaboración de 35 cartografías, téntase introducir a categoría de xénero na análise, xunto con outras variables (clase, etnia, lugar de orixe, capacitismo, identidade ou orientación sexual), para interpelar o alumnado sobre a función que ten o sistema educativo na sociedade “e así levar a cabo accións transformadoras”, explicaron. “Traballamos co estudantado para lograr a expansión da súa capacidade crítica, para observar con lentes feministas a realidade”, dixo Añón na súa intervención. “A educación é unha ferramenta política para transformar a sociedade, e as aulas deben ser un espazo de seguridade cunha óptica feminista e antipatriarcal”, manifestou García.
 

Jorge García Marín e Lorena Añón, autor e autora do traballo que conseguiu o primeiro premio na modalidade docente. Foto: Santi Alvite
Jorge García Marín e Lorena Añón, autor e autora do traballo que conseguiu o primeiro premio na modalidade docente. Foto: Santi Alvite

Na categoría de investigación, o primeiro premio foi para o traballo ‘A circunstancia agravante de aleivosía doméstica: a súa aplicación xurisprudencial ás mulleres vítimas mortais da violencia de xénero’. A súa autora, a profesora de Dereito Penal Natalia Pérez Rivas, analiza nel o tratamento xurídico-penal das mortes por violencia de xénero das mulleres maiores de 65 anos e, máis concretamente, a aplicación da circunstancia agravante de aleivosía doméstica a estes supostos. Tal e como advertiu, “a aleivosía é a inexistencia de probabilidade de defensa da persoa atacada, dado que hai un clima de confianza, e por tanto hai imprevisibilidade dun eventual ataque, e hai que ter en conta iso porque as persoas maiores de 65 anos son dunha xeración non educada na igualdade”.

Así, efectúa “unha reconstrución interpretativa da circunstancia agravante de aleivosía doméstica dende una mirada que ten en conta as variables xénero e idade”, pois “a súa implementación resulta fundamental para asegurar a correcta aplicación das normas penais e modificar os patróns de análise instalados nos delitos de xénero por parte dos operadores xurídicos”, explica no traballo. 

A profesora de Dereito Penal Natalia Pérez Rivas gañou o primeiro premio na categoría investigadora. Foto: Santi Alvite
A profesora de Dereito Penal Natalia Pérez Rivas gañou o primeiro premio na categoría investigadora. Foto: Santi Alvite

Docencia e investigación
O resto dos premios na categoría docente foron para ‘A educación ten faciana de muller’, traballo presentado por Patricia Alonso, e o terceiro para ‘Memorias feministas e LGTBIQ+ en movemento’, de Enrique Latorre. Na súa proposta, Patricia Alonso pon en valor o labor de mestras, pedagogas e educadoras esquecidas. “A educación sen feminismo non é educación”, afirmou. Pola súa banda, Enrique Latorre explicou que o obxectivo da súa experiencia docente era revisar as narrativas hexemónicas que excluíron as mulleres e as identidades disidentes do relato histórico. O reto é, dixo, “contribuír a un sistema educativo que inclúa as memorias históricas relegadas”.

Na de investigación, o segundo premio foi para ‘Consuelo González Ramos e a formación agraria feminina no primeiro terzo do século XX’, de Damián Copena, da USC, e María Gómez Martín, da Universidade de Cádiz. No estudo gañador recuperan o traballo de quen puxo en marcha a primeira granxa escola feminina, “un traballo moi descoñecido xa que asinaba artigos con pseudónimos”, explicou Copena.

O terceiro recoñecemento nesta categoría investigadora foi para ‘Accións para a igualdade de xénero no ámbito CTEM’, de María Encina Calvo e Irene Epifanio. O estudo xurde da preocupación das autoras pola fenda de xénero das disciplinas CTEM e con el pretenden contribuír a “cambiar a cultura e os factores estruturais que expulsan as mulleres dese ámbito”, explicou a profesora Calvo. “As mulleres non somos convidadas, somos protagonistas”, sentenciou.

Acto de entrega
No acto de entrega participaron ademais a delegada do reitor para a Igualdade da USC, Sonia Esperanza Rodríguez, que agradeceu a todas as persoas participantes nesta convocatoria a súa implicación necesaria “para seguir avanzando en igualdade”. Pola súa banda, a segunda tenenta de alcaldesa do Concello de Santiago, Míriam Louzao, puxo o foco na necesidade de “cuestionar as estruturas existentes para cambiar o noso presente e o noso futuro”, mentres que a directora xeral de Promoción de Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintiana Pérez, agradeceu o “compromiso e convicción” das persoas participantes neste premios “que demostran que en materia de igualdade hai conciencia e resiliencia”.
 

Público asistente ao acto. Foto: Santi Alvite
Público asistente ao acto. Foto: Santi Alvite
A secretaria xeral da USC e a vicerreitora de Estudantes e Cultura asistiron ao acto. Foto: Santi Alvite
A secretaria xeral da USC e a vicerreitora de Estudantes e Cultura asistiron ao acto. Foto: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 09.20.2024.