Skip to main content

O outono comeza este domingo despois dun verán pouco chuvioso no que se rexistraron temperaturas normais

O outono vai durar case 91 días. FOTO: Santi Alvite
O outono vai durar case 91 días. FOTO: Santi Alvite
A chuvia de estrelas Xemínidas terá o seu máximo o 14 de decembro, explica o coordinador de investigación do Observatorio Astronómico da USC, José Ángel Docobo

O comezo do outono no hemisferio boreal será este domingo día 22 de setembro ás 14 horas e 44 minutos e estación vaise prolongar ata as 10 horas e 21 minutos do 21 de decembro, durando case 91 días. O paso do verán ao outono prodúcese cando o Sol chega ao punto Libra da eclíptica, un dos dous puntos de intersección deste plano co ecuador celeste. De xeito semellante a cando comeza a primavera, estamos nas datas nas que teoricamente a noite e o día teñen a mesma duración. De aí a orixe da palabra equinoccio, coa que se coñecen estas dúas épocas do ano.

Cómpre destacar neste outono a chuvia de estrelas Xemínidas, unha das máis importantes do ano e que terá o seu máximo o 14 de decembro,  aínda que este ano a presenza da Lúa chea lle vai restar protagonismo. Outras choivas de estrelas desta época como as Dracónidas (8 de outubro), as Oriónidas (21 de outubro), ou as Leónidas (17 de novembro), terán moita menos intensidade.

Planetas e eclipses
Os planetas Saturno e Xúpiter estarán visibles boa parte das noites de outono, en tanto que Mercurio poderá contemplarse a simple vista en boas condicións ao anoitecer en torno a mediados de novembro e ao amencer a finais da estación.

A eclipse anelar de Sol que terá lugar o 2 de outubro non será visible en Europa senón no Oceáno Pacífico e no cono sur de Sudamérica. Porén, nos vindeiros anos imos ter unha secuencia inusual de eclipses solares, comezando co parcial do 29 de marzo de 2025, o total que se poderá ver desde o norte e leste de Galicia do 12 de agosto de 2026, o parcial do 2 de agosto de 2027 que será total  no sur de España, e o parcial do 26 de xaneiro de 2028, que se verá como anelar nunha franxa da Península Ibérica.

Meteoroloxía
Meteoroloxicamente falando, remata un verán pouco chuvioso na contorna da cidade de Santiago de Compostela, a pesar do comezo pouco estival do mes de xullo.  Polo que atinxe ás temperaturas, poden considerarse normais, segundo os datos recollidos na estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller en colaboración coa AEMET.

Nos últimos dez días de xuño só se mediron 9,1 litros/metro cadrado, que caeron en tres xornadas, especialmente o 29 con 7,4 l/m2. Xullo, que é estatisticamente o mes máis seco en Santiago e comarca, rexistrou nesta ocasión 12 días con chuvia, se ben en tres delas a cantidade foi inferior a  0,1 litros/m2, o que se considera inapreciable. Nos últimos dez días deste mes só houbo rexistros inapreciables, o día 29 polo serán e o 31 de noite.
A cantidade total recollida foron 41,1 l/m2, sendo a xornada con mais precipitación a do día 14 con case a metade da do todo o mes, 19,9 l/m2. Pola contra, este ano en agosto apenas choveu: foron sete as xornadas nas que precipitou en Santiago con unha delas inapreciable. Nos primeiros dez días do mes non choveu nada, na parte central do mes se mediron só 2,5 l/m2, e na final, 6,3 l/m2, o que dá un total de 8,8 litros/m2. O día mais chuvioso foi o 23 con 3,9 l/m2, recollidos fundamentalmente na súa tarde e noite.

Nas tres primeiras semanas de setembro, á espera das chuvias previstas desta fin de semana, recolléronse 26,4 l/m2, en cinco días, destacando os 20,0 l/m2 da xornada do día 6 coincidindo co paso sobre Galicia dunha dana. Todo iso dá  83,7 litros/m2 nos case 94 días de verán.

Temperaturas
A temperatura máxima alcanzada en xullo e agosto foi curiosamente a mesma, 33º4: o 29 de xullo e mais o 10 de agosto. O día 24 de xuño alcanzouse unha temperatura de 29º8.

En xullo pasouse dos trinta graos só a final de mes e foron cinco as ocasións nas que isto aconteceu, destacando o xa mencionado día 29 e o día anterior, con 33º3. A temperatura mínima mediuse o día 7 con 9º1, sendo a temperatura media do mes, 20º3.
A media das temperaturas máximas superou por pouco os vinte e cinco graos, concretamente, 25º6. A máxima mais baixa foi a dos días 10 e 20, con 20º0, en tanto que a mínima mais alta correspondeu aos días 29 e 30, cando a temperatura de noite non baixou dos 20º4.

Agosto só tivo dous días con máximas por riba dos trinta graos (o día 10 con 33º4, e o 16 con 31º3), porén a calor estivo moi repartida con 21 xornadas con máximas entre 25º e 30º, o que deu lugar a unha media das máximas superior á de xullo, sendo 26º7. Neste mes, a mínima aconteceu o 25 con 12º2, cunha temperatura media do mes de agosto de 21º4. A máxima máis baixa foron os 22º3 do día 13, e a noite máis quente correspondeulle ao día 18 na que o termómetro non baixou dos 19º5, resultando esta inferior ás daquelas xornadas dos últimos días de xullo.

Este ano en setembro non se chegou aos 30º, aínda que houbo ocasións nas que a máxima do ano tivo lugar neste mes. En xeral, a tónica foi de temperaturas suaves durante o último mes do verán. Porén destaca a máxima do día 6, cando a temperatura non pasou dos 15º2 debido a un puntual adianto do outono a causa da dana.

The contents of this page were updated on 09.20.2024.