Skip to main content

A busca de información, eixo dun curso de competencias gratuíto e en liña dirixido a estudantes de grao

As competencias informacionais complementan os coñecementos adquiridos nos graos e mestrados. FOTO: Santi Alvite
As competencias informacionais complementan os coñecementos adquiridos nos graos e mestrados. FOTO: Santi Alvite
A inscrición no curso, recoñecido con 1 crédito ECTS, permanece aberta ata o 15 de outubro

As competencias informacionais son o conxunto de coñecementos, habilidades e actitudes de carácter transversal que capacitan as persoas para recoñecer cando necesitan información, onde localizala, como avaliar a súa idoneidade e darlle o uso adecuado de acordo co problema que se lles formula. 

Coa fin de fornecer o estudantado da USC de habilidades, actitudes e condutas para acceder a información de calidade que supoña adquirir esas competencias, a Biblioteca Universitaria (BUSC) organiza o curso básico en competencias informacionais, gratuíto e en liña dirixido a estudantes de primeiros cursos de grao e cuxo prazo de inscrición permanece xa aberto ata o 15 de outubro. Haberá ademais unha segunda edición, na que o prazo comeza o 28 de xaneiro e remata o 11 de febreiro.

Este curso ofrecerá información sobre como buscar datos no catálogo da Biblioteca Universitaria e mais en Internet, como facer un traballo académico, como citar a información evitando o plaxio, o traballo na rede e seguridade informática.

Nivel avanzado
Para o estudantado dos últimos cursos do grao, e pensado para axudar na realización do TFG, a BUSC contempla o curso de nivel avanzado, cuxo prazo de matrícula na primeira edición vai desde o 14 ata o 27 de outubro e na segunda do 19 de febreiro ata o 5 de marzo. No avanzado explícase ademais como avaliar e organizar os datos, como elaborar un traballo de Fin de Grao (TFG) e como comunicar e difundir a información.

A superación dos cursos que se imparten nun grao (niveis básico e avanzado) permiten obter cadanseu crédito ECTS (2 créditos en total).
 

The contents of this page were updated on 10.01.2024.