Skip to main content

O fondo do compositor ourensán José Fernández Vide incorpórase á Biblioteca da Universidade de Santiago

A Facultade de Xeografía e Historia acolle no primeiro andar unha mostra dedicada a José Fernández Vide ata o 24 de outubro. FOTO: Santi Alvite
A Facultade de Xeografía e Historia acolle no primeiro andar unha mostra dedicada a José Fernández Vide ata o 24 de outubro. FOTO: Santi Alvite
O autor, que durante unha etapa foi docente de música no Centro Galego da Habana, pertence á gran xeración 'Nós' da contorna ourensá dos anos 30

O fondo de José Fernández Vide (1893-1981), músico pertencente á gran xeración Nós da contorna ourensá dos anos 30, incorporouse á Universidade de Santiago grazas á xenerosidade da súa familia. A doazón presentouse este martes nun acto no Paraninfo da Universidade que presidiu o reitor Antonio López e ao que asistiron a directora da Biblioteca da USC, Mª Isabel Casal Reyes; a neta do compositor, Sara Fernández; o catedrático emérito da USC, Carlos Villanueva; e Montserrat Capelán, profesora da USC e coordinadora de Organistrum, o grupo que xunto co Instituto de Humanidades (iHUS) da USC mediou na doazón que xenerosamente realizou a familia.

O reitor cualificou como “motivo gozoso” de reunión o acto de doazón dos fondos á USC, e a profesora Montserrat Capelán salientou “o importante que é o paso dos fondos familiares ás institucións, pois é moi doado que se perdan, e así todo o mundo poderá acceder a eles”. En total hai 109 obras, pero máis alá das partituras o fondo tamén inclúe correspondencia, fotografías ou obxectos persoais, e mostra o traballo de Fernández Vide como compositor de música para orquestra, para banda ou para grupos de música de cámara.

O profesor emérito da USC Carlos Villanueva lembrou que estudara a obra do autor ourensán a través da prensa, “que recollía os seus éxitos” e tamén polo feito de que fora neno de coro, o que o conectaba coas súas investigacións sobre os vilancicos galegos. A neta do compositor, Sara Fernández, lembrou que a súa relación con el foi principalmente de nena, e que acostumaba saír pasear con el polas rúas ourensáns, saudando persoas coñecidas do seu avó como o escritor da xeración Nós Ramón Otero Pedrayo. Pola súa banda, a directora da Biblioteca da USC, Mª Isabel Casal Reyes, puxo de relevo a importancia de conservar este tipo de fondos e poñelos en valor, conservando así a riqueza cultural de Galicia.

Fernández Vide
José Fernández Vide (Ourense, 1893-1981) pertence á gran xeración Nós da contorna ourensá dos anos 30. Con formación na capela da catedral como neno de coro, máis tarde incorporouse á vida pública como docente e activista musical, director de coros e prestixioso compositor. En 1924 recibe o encargo do Centro Galego da Habana de ocuparse da docencia do seu centro musical, unha etapa na que acadou notables éxitos como director de rondalla, compositor e pianista, e na que chegou a ser nomeado director do Conservatorio do Centro Galego.

En 1932 regresa a Ourense, onde ata a súa xubilación será director do Orfeón Unión Ourensana ademais de encargarse da docencia musical da escola de Maxisterio e do Instituto As Lagoas de Ourense.

Recital e exposición
Á presentación do fondo seguiulle un pequeno recital para piano a cargo de Noemí Salomón, que interpretou as pezas A Montañesa, Zaera e o Danzón, da autoría do propio compositor ourensán.

Finalmente, inaugurouse a exposición José Fernández Vide: o trasfegar dun ourensán, comisariada por Teresa Bellido, Aitana Catalá e David de la Torre que poderá visitarse ata o 24 de outubro no primeiro piso da Facultade de Xeografía e Historia. Esta mostra está organizada pola Comisión de Cultura e Normalización Lingüística da Facultade anfitrioa.

The contents of this page were updated on 09.24.2024.