Skip to main content

A revista ‘Environmental Earth Sciences’ homenaxea a Augusto Pérez Alberti, viaxeiro á busca do coñecemento

Augusto Pérez Alberti ten máis de 45 anos de experiencia en investigación en xeociencias. FOTO: Santi Alvite
Augusto Pérez Alberti ten máis de 45 anos de experiencia en investigación en xeociencias. FOTO: Santi Alvite
Un extenso artigo repasa a súa traxectoria e legado na USC, os seus estudos arredor dos procesos que alteran o territorio e as súas investigacións sobre sostibilidade

Augusto Pérez Alberti, quen foi catedrático de Xeografía e profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela, acaba de ser homenaxeado coa publicación dun artigo na revista ‘Environmental Earth Sciences’ que compila información sobre as súas investigacións de maior relevancia e impacto internacional, en eidos coma a xeomorfoloxía glacial e periglacial, a xeomorfoloxía costeira, a climatoloxía, a paleoclimatoloxía ou a cartografía dixital, que deron como resultado a súa autoría en máis de 320 publicacións, desde revistas científicas ata libros ou informes técnicos.

O artigo, que asinan Alberto Gomes, Horacio García, Alejandro Gómez-Pazo e Helder I. Chaminé, denomina a Pérez Alberti ‘O Viaxeiro’ e salienta os seus máis de 45 anos de experiencia en investigación multidisciplinar en xeociencias, sempre á busca do coñecemento e publicando traballos cos que “inspirou varias xeracións de estudantes” de distintas disciplinas, desde a xeoloxía á enxeñería. As súas contribucións científicas, sinala a publicación, melloraron significativamente a comprensión de procesos terrestres, en particular a xeomorfoloxía glacial e periglacial, a dinámica sedimentaria, a hidromorfoloxía e a xeomorfoloxía costeira, e subliña que comprender “a xeodinámica dos procesos que modelan os sistemas da Terra é crítico para protexer e preservar os ecosistemas, paisaxes, recursos naturais e o benestar das comunidades”.

Dos numerosos estudos de Pérez Alberti centrados na comunidade galega, o artigo escolle unha frase do investigador que resume ben a evolución xeolóxica do territorio: “Os cambios ambientais que tiveron lugar a través da historia xeolóxica de Galicia foron moitos e diversos, os cales motivaron diferentes dinámicas. Asociáronse a procesos aluviais ou fluviais, glaciais ou periglaciais que deron lugar a formas de erosión ou acumulación, construíndo paisaxes diferenciadas nun territorio cunha extensa franxa costeira na cal a variedade de paisaxes é tamén ampla”.

Entre os testemuños de varias persoas que colaboraron no artigo figura o do profesor Xosé Lois Otero, do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, quen afirma que “con respecto á personalidade de Augusto Pérez-Alberti, varias virtudes son cada vez máis raras entre académicos. Sen caer na esaxeración ou adulación, podemos dicir que en Augusto hai unha vocación para o coñecemento sen límites” e “grazas ao seu traballo, Galicia hoxe ten un coñecemento excelente dos procesos que modelaron a súa paisaxe, desde a costa aos altos picos dos Ancares, Courel, ou montañas de Trevinca. Á vez, Augusto é un comunicador extraordinario e divulgador da ciencia da xeomorfoloxía para un público menos especializado”.
 

The contents of this page were updated on 09.26.2024.