Skip to main content

O festival de cinema Curtocircuíto chega ao Campus de Santiago con numerosas actividades gratuítas

A Universidade compostelá colabora activamente con este certame consolidado na cidade
A Universidade compostelá colabora activamente con este certame consolidado na cidade
A Universidade compostelá colabora activamente con este certame consolidado na cidade

A Universidade de Santiago de Compostela mantén unha liña de colaboración activa co festival de curtas Curtocircuíto que lle permite acoller nas súas instalacións diversas actividades abertas ao público en xeral e todas gratuítas, ademais de fornecer o festival de 25 estudantes voluntarios e voluntarias que terán a oportunidade de coñecer como funciona desde dentro un certame destas características e dar aloxamento nunha das súas residencias universitarias á fotógrafa Rocío Madrid, que realizará unha residencia artística.

Premio Especial Cátedra Cruz Roja – USC en Psicoloxía
A primeira das actividades na axenda do festival na USC responde á convocatoria do I Premio Especial Cátedra Cruz Roja – USC, que cunha dotación de 1.500 euros recoñece pezas con contido destacable no campo da diversidade entre as persoas maiores. O premio será para a película que o xurado -composto polo subdirector da Cátedra, Onésimo Juncos-Rabadán, o profesor da USC Jorge García-Marín e a  artista, curadora e investigadora de prácticas sonoras Acacia Ojea- considere fai unha mellor laboura de difusión ou reflexión sobre este temática.

Será o luns 30 de setembro, ás 17:00 horas no Salón de actos da Facultade de Psicoloxía, cando se proxecten as 4 pezas seleccionadas. Ao remate haberá un coloquio co estudantado presente no que participarán o director da Cátedra, Arturo X. Pereiro; a decana da Facultade de Psicoloxía, M. José Sampedro; o director de Curtocircuíto, Pela del Álamo; a directora da peza ‘Pura’ a concurso nesta sección, Carmen Méndez, así como os membros do xurado Onésimo Juncos e Jorge García Marín.

Ciencias da Comunicación
O Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Comunicación será tamén o escenario de actividades, en colaboración co Clube de cine Facom. Así, o 2 de outubro ás 13:00 horas haberá a proxección dunha selección de pezas de Novas Narrativas da Animación e un coloquio cos asistentes. Xa o xoves 3 á mesma hora terá lugar un encontro co cineasta Alberto Gracia enmarcada na Sección Terra do festival. Por último, o venres 4 ás 10.00 horas haberá unha proxección dunha selección de pezas relevantes nas 21 edicións do certame.

IGFAE
O Art.Lab do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) abriu este ano unha vía de colaboración co festival grazas á cal o sábado 5, ás 12.00 horas no Salón Obradoiro do Hotel NH Collection Santiago, haberá unha mesa redonda para reflexionar sobre ciencia e arte. Nela participarán o director do IGFAE, Carlos Salgado; a responsable do Departamento de Cultura Científica do CSIS – Galicia, Luisa Martínez, e o artista e investigador sonoro Xoan Xil moderados por Acacia Ojea.

Outras colaboracións
Ademais destas citas na axenda, o festival continúa coas distintas colaboracións doutros anos, como co Grao en Ciencias da Educación para o programa das seccións CRIATURAS e TEENGAE RIOT, nas que xa están anotados case 1.500 escolares, que serán as mañás dos días 30 de setembro e 1 e 2 de outubro no Teatro Principal e no Auditorio de Abanca.

Por outra banda, co apoio de INCOLSA mantense a sección OUTRACOMPOSTELA de creación audiovisual para amosar outras olladas sobre a cidade, coa novidade de que nesta edición o concurso xa non está limitado ao alumnado de Ciencias da Comunicación senón que se abre a toda a comunidade universitaria. 
 

The contents of this page were updated on 09.30.2024.