Skip to main content

O Acelerador de Transferencia impulsará a chegada ao mercado de tres proxectos de investigación aplicados á acuicultura, gandería e odontoloxía

Exterior do edificio Emprendia, sede do Acelerador de Transferencia
Exterior do edificio Emprendia, sede do Acelerador de Transferencia

O Acelerador de Transferencia acaba de seleccionar tres proxectos aos que achegará investimento -ata un máximo de 40.000 euros- para impulsar o seu paso dos laboratorios ao mercado. Concretamente, a USC financiará un kit diagnóstico para acuicultura, un test para a detección da enfermidade hipodermose en gando e fauna silvestre e unha cánula para mellorar os tratamentos de endodoncia. O Acelerador é unha iniciativa promovida e coordinada pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) dirixida a grupos de investigación de todas as áreas de coñecemento. O programa permite avanzar no proceso de maduración de resultados de investigación, facilitando a súa transferencia á contorna social e económica.

Con representación de dous proxectos do campus compostelán e outro de Lugo, o financiamento permitirá desenvolver un kit de diagnose de F. Psychrophilum, axente causante da enfermidade bacteriana da auga fría e da síndrome do alevín da troita arcoíris, sendo unha enfermidade que pode afectar ao 68% dos peixes que se producen mediante acuicultura na Unión Europea. A investigadora principal deste proxecto á María Ysabel Santos Rodríguez, do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía.

Tamén se beneficiará do Acelerador un proxecto para desenvolver un test para a detección de hipodermose en gando e fauna silvestre que promove a investigadora do Departamento de Patoloxía Animal Rosario Panadero Fontán. Esta doenza está considerada como a causa de perdas de centos de millóns de euros nos países do hemisferio norte. Finalmente, recibirá apoio económico unha proposta de Benjamín José Martín Biedma, do Departamento Cirurxía e Especialidades Médico-Cirúrxicas, e de Pablo Castelo Baz, para desenvolver unha cánula para aplicar tratamentos de endodoncia mediante irrigación continua ultrasónica. Os seus promotores estiman que este é un tratamento que poderían alcanzar ao 80% da poboación.

Ademais do grao de innovación dos proxectos, o comité avaliador encargado da súa valoración prestou especial atención a criterios como o nivel de desenvolvemento, a probabilidade de que se complete o proceso de transferencia ou a potencialidade do mercado. Integraron este comité Pablo Ortiz Betés, CEO de OWL Metabolomics; Carmen Pampín Casal, CEO de Galchimia e presidenta do Clúster Tecnolóxico Empresarial de Ciencias da Vida (BIOGA); Enrique López, da multinacional do sector biotecnolóxico Lonza; e Verónica Castelo, da Axencia Galega de Innovación (GAIN). Tamén participou, con voz pero sen voto, o director da AVTE, José L. Villaverde Acuña.

Quinta edición
O Acelerador de Transferencia financia as accións necesarias para cubrir a fenda existente entre os resultados dun proxecto de investigación e un produto ou servizo o suficientemente maduro para que resulte de interese para unha empresa ou outro axente externo que poida completar o proceso de transferencia. Os proxectos presentados debían identificar claramente as actuacións necesarias para converter os resultados de investigación nun investimento atractivo para un socio industrial. Igualmente, debe existir un destinatario final ou un axente que se responsabilice do desenvolvemento futuro para garantir que se complete o proceso de transferencia.

A aposta da USC por fomentar a transferencia de resultados de investigación vese reflectida tamén no apoio económico da institución a este tipo de proxectos que suma un investimento de máis de 500.000 euros nun total de 22 proxectos que concorreron ás cinco edicións celebradas ata o momento.

The contents of this page were updated on 11.28.2017.