Skip to main content

Carlos Morgade fala este martes na EPS de Enxeñaría dos bens comunais como soporte para o desenvolvemento de áreas rurais

O relatorio do presidente de Iniciativa Comunales comeza ás 18.00 horas e encádrase no ciclo ‘Na EPS queremos saber’, organizado polo grupo de innovación docente Ruralia

O presidente da entidade Iniciativa Comunales, Carlos Morgade, ofrecerá este martes, a partir das 18.00 horas, na sala de xuntas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, un relatorio sobre os bens comunais e sobre o seu potencial para o desenvolvemento de áreas rurais.

A conferencia de Carlos Morgade encádrase no marco do ciclo ‘Na EPSE queremos saber’, un programa de formación e divulgación promovido polo grupo de innovación docente Ruralia, un colectivo da USC integrado por investigadoras das áreas de Economía Agraria, Historia Contemporánea e Ecoloxía. O grupo Ruralia conta para estas actividades co financiamento do proxecto ‘O monte comunal en Galicia desde a Idade Media á actualidade: de soporte dun vello complexo agrario a recurso medioambiental e patrimonio paisaxístico”, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividad.

Iniciativa Comunales é unha entidade de ámbito estatal que está formada por comunidades que gobernan augas, terras e bens e dereitos de forma comunal. Tamén fan parte de Iniciativa Comunales ONG, universidades ou empresas, ademais de persoas a título individual. O seu obxectivo é apoiar e lograr o recoñecemento destes sistemas comunais de gobernanza, con particular atención a promover os seus valores sociais, ambientais e económicos.

A temática sobre a que versará a intervención de Carlos Morgade ten unha especial relevancia para o ámbito galego, dado que en Galicia os Montes Veciñais en Man Común representan un 23% da superficie total, ao tempo que se están localizados, cando menos unha boa parte, en zonas vulnerables e desfavorecidas. Os Montes Veciñais en Man Común son espazos aínda descoñecidos para un sector importante da poboación, a pesar de que teñen unha relevancia vital para o desenvolvemento e a sustentabilidade das áreas rurais.

The contents of this page were updated on 11.27.2017.