Skip to main content

A USC e Sanidade dan pasos na promoción da carreira docente entre profesionais sanitarios

O reitor e o conselleiro conversan antes da sinatura do protocolo. Foto: Santi Alvite
O reitor e o conselleiro conversan antes da sinatura do protocolo. Foto: Santi Alvite
Este mércores asinaron o protocolo de colaboración o reitor Antonio López e o conselleiro Antonio Gómez Caamaño

A USC e Sanidade sumaron esforzos este mércores para avanzar na promoción da carreira docente entre profesionais sanitarios. Para iso, o reitor da USC, Antonio López, e o conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde e da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, Antonio Gómez Caamaño, asinaron en San Xerome un protocolo de colaboración que recolle posibles fórmulas que aseguren unha carreira docente ao persoal facultativo.

Tal e como explicou o reitor, “o protocolo asinado ten por obxecto favorecer a posibilidade de que o persoal asistencial de todo o sistema sanitario galego poida facer carreira investigadora, polo tanto docente, e aproximar así función asistencial con función investigadora e función docente”. Trátase, manifestou, dunha “peza clave” para que ao futuro persoal médico “o sigan formando médicos e médicas”. “Precisamos persoal médico especialista que se acredite tamén para as prazas estables de profesorado na universidade, máis aló da colaboración que mantemos con outro persoal asistencial a través da figura de profesorado asociado de Ciencias da Saúde”, engadiu.

Deste xeito, o protocolo trata de abrir vías de actuación que permitan que o persoal asistencial, especialmente das primeiras fases de formación, poidan cursar programas de doutoramento, completar tarefas investigadoras e colaborar nas tarefas docentes “para ir elaborando o currículo que lles permita superar con éxito o proceso de acreditación imprescindible para acceder a prazas de función docente universitaria”, explicou López, que engadiu: “por suposto, todo isto hai que facelo compatible coa función asistencial”.

Na mesma liña manifestouse o conselleiro Gómez, que destacou a importancia de que “todos os profesionais sanitarios que xa traballan no Sergas se impliquen na docencia e na investigación”. “Xerar coñecemento e transmitilo é un acto de xenerosidade”, manifestou. O responsable de Sanidade do Goberno galego puxo ademais o foco nunha das fórmulas que se abren para fomentar a carreira profesional como é a que os profesionais interesados poidan contar coa mentorización, da universidade ou do centro sanitario, para guialos no proceso de acreditación.

Fórmulas de colaboración
Outras das posibles fórmulas de colaboración que recolle o protocolo ten que ver coa definición de actuacións facilitadoras da acreditación docente universitaria, de maneira que se estableza por ambas partes un camiño nos ámbitos asistencial, investigador e docente universitario nas titulacións de grao e, ser o caso, de posgrao, do ámbito de Ciencias da Saúde, dirixido a profesionais sanitarios que desenvolvesen a súa formación como especialistas.

Máis accións facilitadoras para a carreira docente dos profesionais sanitarios son as estadías de investigación en centros internacionais de recoñecido prestixio ou a incorporación dos profesionais interesados en programas de doutoramento ou proxectos de investigación relacionados coa especialidade.

En esencia, a vontade tanto da USC como da Consellaría de Sanidade é intensificar as relacións entre o mundo universitario e o ámbito asistencial, facilitando o achegamento dos profesionais sanitarios á docencia no ámbito das ciencias da saúde, orientándoos sobre o cumprimento dos requisitos que permitan a súa acreditación para a docencia universitaria. Isto, insisten ambas partes, redundará na mellora da calidade da docencia nas áreas clínicas e da investigación traslacional, sendo as dúas instrumentos para a mellora da calidade da prestación asistencial.
 

O protocolo asinouse no Colexio de San Xerome. Foto: Santi Alvite
O protocolo asinouse no Colexio de San Xerome. Foto: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 10.02.2024.