Skip to main content

Pedro Diz, novo presidente da International Association for Disability and Oral Health

O nomeamento de Pedro Diz realizouse no 27 Congreso da iADH, que se desenvolveu en Seúl
O nomeamento de Pedro Diz realizouse no 27 Congreso da iADH, que se desenvolveu en Seúl
A entidade conta con máis de 8.000 membros de 40 países e busca mellorar os estándares de saúde oral das persoas con discapacidade e de colectivos vulnerables

O catedrático da Área de Estomatoloxía da USC Pedro Diz Dios acaba de ser nomeado presidente da International Association for Disability and Oral Health (Asociación Internacional para Discapacidade e Saúde Oral, iADH), organización fundada hai máis de 50 anos coa finalidade de mellorar os estándares de saúde oral das persoas con discapacidade e outros colectivos vulnerables, que na actualidade está integrada por máis de 8.000 membros de 40 países. Así, a asociación ten como obxectivo defender e promover o acceso equitativo á atención odontolóxica de calidade, facilitando o intercambio de boas prácticas e fomentando a investigación científica específica.

No marco do 27 Congreso da iADH celebrado recentemente en Seúl, a Asemblea de Representantes dos países que integran a organización ratificou por unanimidade a proposta do Comité Executivo, pola que se designou a Pedro Diz Dios como novo presidente, de xeito que durante os próximos dous anos se converterá no primeiro español que presidirá a iADH.

Pedro Diz dirixe desde 1992 a Unidade de Odontoloxía para Persoas con Necesidades Especiais na Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago e xa desempeñara previamente postos de responsabilidade na iADH, particularmente como presidente do Comité Ciéntífico. Así mesmo, é profesor Invitado da Universidade de Londres (Eastman Dental Institute), membro honorífico do Royal College of Surgeons of Edinburgh e da Arab Society for Disability and Oral Health. Polas súas publicacións científicas está incluído na listaxe do 2% de especialistas máis citados do mundo, segundo o ránking elaborado pola Universidade de Stanford.

The contents of this page were updated on 10.04.2024.