Skip to main content

Entregadas as medallas de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias a Santiago Lago, Alberto Bugarín e Diego Peña

De esquerda a dereita, Diego peña, Antonio Figueiras (CSIC), Pedro Arias (UVigo), Santiago Lago e Alberto Bugarín. Foto: RAGC
De esquerda a dereita, Diego peña, Antonio Figueiras (CSIC), Pedro Arias (UVigo), Santiago Lago e Alberto Bugarín. Foto: RAGC
No marco da celebración do Día da Ciencia en Galicia da real Academia Galega de Ciencias

O Paraninfo da Universidade foi este martes o escenario da celebración do Día da Ciencia en Galicia, en homenaxe ao matemático José Rodríguez González, no que se entregaron as cinco Medallas de Investigación de Galicia que concede a Real Academia Galega de Ciencias.

Os tres científicos da Universidade de Santiago galardoados este ano pola Academia asistiron esta mañá ao acto para recoller o seu galardón. Son Santiago Lago, considerado un dos economistas máis influentes de España no ámbito da economía pública cunha dilatada traxectoria como asesor de organismos internacionais como o Banco Mundial ou a OCDE e que ten participado no deseño de políticas públicas en España e Galicia e colaborado con distintos gobernos na implantación de políticas fiscais e económicas. Pola súa banda, o catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC e investigador do CiQUS Alberto Bugarín recolleu a medalla polo seu traballo en diferentes áreas da intelixencia artificial como a xeración de linguaxe natural.

Por último, o catedrático Diego Peña, investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), recibiu a medalla da sección de Química e Xeoloxía por abrir unha nova área de investigación en Química Orgánica, tratando de resolver problemas químicos mediante a combinación da química e a ciencia de superficies, manipulando moléculas individuais.

Á cerimonia asistiron o presidente da RAGC, Juan Lema; a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo; o secretario xeral da Lingua; Valentín García; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio; Elena Vázquez, do Consello da Cultura Galega; o presidente do Consello Económico e Social, Manuel Pérez, e o historiador de Lalín Daniel González.

The contents of this page were updated on 10.08.2024.