Skip to main content

O de 2017, entre os meses de outubro máis secos dos últimos cincuenta anos

O de 2017, entre os meses de outubro máis secos dos últimos cincuenta anos
O de 2017, entre os meses de outubro máis secos dos últimos cincuenta anos
Encabezan a lista o ano 2007 con apenas 2,6 litros, fronte aos 53,3 do pasado mes

Aínda que apenas choveu en sete días do pasado mes, hai que remontarse dez anos atrás para atopar o mes de outubro máis secos dos últimos 50 anos en Compostela: en 2007 apenas se recolleron en Santiago 2,6 litros por metros cadrado en cinco días distintos. Segundo os rexistros do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC o mes que acaba de rematar contabilizou un total de 53,3 litros/m2 repartidas nun total de sete días, lonxe da media habitual nesta época do ano. As precipitacións neste mes concentráronse do 15 ao 20 de outubro e o día 1 case de xeito inapreciable, sendo os de maior volume de chuvia recollida o 17 (20,5 l), o 16 (15,4 l) e o 20 (10,5 l).

O director do Observatorio José Ángel Docobo explica que as cifras rexistradas sitúan o pasado mes de outubro de 2017 como o sétimo dunha lista que encabeza o ano 2007 e ao que lle seguen 1971 (27 l/m en catro días), 1970 (31 l/m en tres días), 1974 (34,5 l/m en catro días), 1986 (40,3 l/m en trece días) e 1985 (51,2 l/m en oito días).

Outubro máis chuviosos
Do outro lado deste rexistro pluviométrico, o mes de outubro máis húmido das últimas cinco décadas remóntase ao ano 1987 cando se recollerán 603,5 litros repartidas ao longo de practicamente todo o mes, xa que choveu en 27 xornadas distintas. Un nivel de precipitacións moi similares rexistrouse en 2006 con 601,7 l/m e en 2013 con 532,7 l/m. Séguenlle nesta listaxe os anos 2001 (436,9 l/m), 2002 (406,3 l/m), 1990 (396,9 l/m) e 2004 (361,6 l/m). De media, a precipitación do mes de outubro en Santiago ascende a 230 l/m.

Tomando como referencia o acontecido no mes de outubro máis seco dos últimos 50 anos, o profesor Docobo sinala que en 2007, cando só se rexistraron 2,6 l/m, os meses anteriores de setembro e agosto e os posteriores de novembro e decembro foron igualmente secos, “non así os meses da primavera e inverno daquel ano”, advirte.

Polo que respecta ao cómputo anual, o director do Observatorio Astronómico da USC informa de que a precipitación recollida este ano en Santiago nos últimos cinco meses “é de só 151,9 l/m, o que presenta aproximadamente a cuarta parte do que se mediu nos anos 1987 e 2006 só no mes de outubro”. En total, dende xaneiro, aínda non se contabilizaron 1.000 l/m, sendo a media anual de 1.820 l/m, engade o profesor Docobo.

The contents of this page were updated on 11.06.2017.