EUniWell comprométese coa loita contra a discriminación en Europa
A Universidade Europea do Benestar EUniWell na que se integra a USC presenta a iniciativa ‘Social Talks’, unha serie de seminarios virtuais e de balde centrados na loita contra a discriminación en Europa. Estes encontros reúnen a expertos e expertas das universidades membro de EUniWell, quen abordarán as causas da discriminación e debaterán sobre as diversas accións que se están implementando para combatela en distintos sectores.
O primeiro seminario terá lugar este venres 11 de outubro ás 10.00 horas e estará impartido pola profesora Emilie Delcher, da Universidade de Nantes, quen ofrecerá unha visión xeral sobre a lexislación da Unión Europea en materia de discriminación.
‘Social Talks’ incluirá polo menos tres seminarios adicionais nos próximos meses. O 30 de outubro un sobre diversidade, inclusión e discriminación no mercado laboral a cargo de Amanda Heath, investigadora da Linnaeus University, e un segundo o 21 de novembro sobre inclusión no traballo ou como poden as organizacións reducir a discriminación no traballo e aproveitar o potencial dunha forza laboral diversa, a cargo de Anne Burmeister, profesora da University of Cologne. Finalmente, o 28 de xaneiro de 2025 está prevista a charla de Gerald Schneider, profesor da University of Konstanz titulada ‘O lado escuro do federalismo alemán: como as actitudes rexionais cara a inmigración conducen á discriminación administrativa’.
Os seminarios están abertos a calquera persoa que desexe profundar nos mecanismos e estratexias utilizadas en diferentes países para combater a discriminación en diversas áreas.