Skip to main content

A USC continúa a tender pontes co ensino medio de Galicia

Participaron en Fonseca representantes de 40 centros educativos. Foto: Santi Alvite
Participaron en Fonseca representantes de 40 centros educativos. Foto: Santi Alvite
O reitor e a coordinadora do programa A Ponte recibiron este xoves no Colexio de Fonseca persoal directivo e equipos de orientación de corenta centros de ensino medio da contorna

“Continuar a estreitar a comunicación entre a Universidade compostelá e os centros de ensino medio”. Así definía este xoves o reitor compostelán, Antonio López, o propósito da xuntanza que, un ano máis, mantivo co persoal directivo e equipos de orientación de centros de ensino medio da contorna acompañado da delegada do reitor para o Ensino Medio e Coordinadora do Programa A Ponte, Maite Flores.

“Para nós é unha peza clave ter a máis próxima relación co estudantado de ensino medio para que así poida decidir o seu futuro da mellor maneira”, díxolle o reitor ás persoas representantes de 40 centros educativos “aos que chamamos non só para contarvos as nosas iniciativas senón, e sobre todo, para escoitar as vosas suxestións”.

A xuntanza de traballo proseguiu coa intervención de Maite Flores, que presentou as actividades do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC ademais de avanzar cuestións sobre as próximas probas das PAU. Este encontro repetirase o vindeiro luns 14 no Edificio do CACTUS de Lugo.

A Ponte
O Programa A Ponte, que leva en funcionamento dunha forma estruturada desde o ano académico 2003-2004, oferta este curso un total de 169 charlas temáticas (15 máis que o pasado ano) nas que o profesorado da USC lle achega a súa investigación aos estudantes do último curso da ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Superior. Na edición do pasado ano a estas charlas asistiron 21.000 estudantes.

Outra das actividades de éxito que conforman A Ponte son as visitas aos centros para presentarlle ao alumnado a oferta que lle ofrece e cuxa convocatoria está aberta e, á inversa, visitas do alumnado de centros de ensino medio á USC para ter un contacto directo con esa oferta.

Ademais, cos Encontros virtuais na Zona USC, a Universidade de compostelá abre as súas portas virtualmente a todas as persoas interesadas en obter información sobre os seus títulos. Para iso, tanto profesorado como estudantado dan resposta ás preguntas recibidas por videoconferencia.

A maiores, nunha experiencia pioneira, a USC organiza as xornadas de portas abertas ‘Coñece a USC’ para que cada futuro ou futura estudante poida achegarse aos centros universitarios e coñecer de primeira man os títulos nos que ten interese. 

As persoas participantes coñeceron as actividades de A Ponte. Foto: Santi Alvite
As persoas participantes coñeceron as actividades de A Ponte. Foto: Santi Alvite
Maite Flores avanzou ademais algunhas custiócuestións sobre as PAU. Foto: santi Alvite
Maite Flores avanzou ademais algunhas custiócuestións sobre as PAU. Foto: santi Alvite
The contents of this page were updated on 10.10.2024.