Skip to main content

O grupo BioFarma e a empresa de base tecnolóxica Neutron Insights, galardoados nos premios GCiencia Galicia Spin-off

De esquerda a dereita, Yassid Ayyad e Pablo Cabanelas, promotores de Neutron Insights, e Mabel Loza, quen lidera o grupo BioFarma. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Yassid Ayyad e Pablo Cabanelas, promotores de Neutron Insights, e Mabel Loza, quen lidera o grupo BioFarma. FOTO: Santi Alvite
Estes recoñecementos distinguen dende 2015 a investigación universitaria e a transferencia
Santiago de Compostela

A spin-off Neutron Insights e o grupo do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), BioFarma, acaban de ser recoñecidos no marco dos premios GCiencia Galicia Spin-Off. Estes galardóns distinguen, dende o ano 2015, as empresas e grupos de investigación máis innovadores.

No apartado de Idea Emerxente, que premia as empresas ou iniciativas innovadoras desenvolvidas nos dous últimos anos, a gañadora foi a spin-off da USC Neutron Insights, un proxecto desenvolvido dende o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). Trátase dunha compañía nova pero que xa está a desenvolver unha tecnoloxía innovadora —o uso de neutróns— para superar as limitacións das radiografías convencionais no terreo industrial, co obxectivo de producir un novo dispositivo capaz de penetrar en materiais densos e detectar de forma precisa defectos en metais e estruturas. O xurado destacou o feito de tratarse dunha spin-off "creada nun sector como o da física, no que non son habituais iniciativas deste tipo".

Na categoría de Grupos de Investigación o galardón foi para o grupo BioFarma, coordinado pola investigadora Mabel Loza. O grupo conta cunha traxectoria de case dúas década nas que participou na investigación de 15 novas entidades químicas, que chegaron a ensaios clínicos mediante iniciativas de descubrimento de fármacos. O xurado valorou especialmente “o feito de tratarse dun grupo dirixido por unha muller, o que pon de manifesto o crecente protagonismo feminino na ciencia e na investigación en Galicia”.

O xurado dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off estivo composto nesta edición pola investigadora da Universidade de Caen Alicia Bruzos; a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnoloxía Universitaria da Xunta de Galicia, Irene Bonome; polo director de Investimentos de Unirisco, Pablo Mosquera; polo presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia, Luciano Fariña, e polo director de GCiencia, Pablo López.

A alta calidade das candidaturas presentadas a estes premios foi o denominador común nas tres categorías duns galardóns que distinguen anualmente as empresas e grupos máis innovadores do panorama galego. Nas súas deliberacións, o xurado destacou especialmente a alta calidade das candidaturas presentadas nas categorías de Idea Emerxente e Grupos de Investigación.

Outros premios

Na categoría Selo de Calidade, que premia as iniciativas empresariais cunha traxectoria destacada na aposta pola innovación e a investigación, o premio foi para a empresa Alén Space, unha spin-off da UVigo xurdida no seo do Agrupación Aéreo-espacial desa universidade. Os galardóns, creados en 2015 para recoñecer a investigación universitaria e a transferencia, serán entregados o 12 de novembro no Pazo de San Roque de Santiago, e contan co patrocinio da Secretaría Xeral de Universidades, Unirisco e Gadis.
 

The contents of this page were updated on 10.10.2024.