Skip to main content

Na busca de fórmulas innovadoras que permitan avanzar na xestión da investigación

A xornada contou con numeroas persoas participantes. Foto: Santi Alvite
A xornada contou con numeroas persoas participantes. Foto: Santi Alvite
A USC organizou unha xornada de debate de propostas que permitan conciliar a axilidade e a flexibilidade co rigor esixible ás actuacións de entes do sector público

A modificación da Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación en 2022 tiña dous obxectivos directamente relacionados coa mellora da competitividade do Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación, tal como actualizar a normativa reguladora da transferencia de coñecemento e de resultados da actividade investigadora, con especial énfase no réxime xurídico aplicable, e mellorar a coordinación e colaboración entre axentes tanto públicos como privados.

Todo isto supón a necesidade de aplicar unha xestión innovadora da investigación que permita conciliar a axilidade e a flexibilidade co rigor esixible ás actuacións de entes do sector público. Coa fin de poñer en común diferentes experiencias e buscar fórmulas que permitan avanzar nese camiño, a Universidade de Santiago de Compostela organizou este venres no centro de Estudos Avanzados unha xornada de estudo que inauguraron o reitor Antonio López, a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo Barrera, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.

O encontro comezou coa intervención do catedrático de Dereito Administrativo e Xerente da USC, Javier Ferreira Fernández, que explicou os retos aos que se enfronta hoxe a investigación diante das últimas reformas normativas. Este relatorio deu paso a unha mesa redonda sobre a organización da investigación na que participaron a delegada institucional en Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Carmen González Sotelo; a directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), Rosa M. Crujeiras Casais, e o director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (USC), Carlos A. Salgado López.

O réxime xurídico da xestión da investigación e a transferencia de coñecemento foron os outros temas tratados nesta xornada. O primeiro da man de Diana Santiago Iglesias, delegada do reitor para Racionalización e Calidade Normativa e profesora titular da área de Dereito Administrativo, e o segundo nun debate no que achegaron o seu pensar o delegado do reitor para Transferencia do Coñecemento da USC, Luis Otero González; a adxunta de Transferencia da Universidade da Coruña, Susana Ladra González; o director de Vigo Tecnolóxico da Universidade de Vigo, Daniel Villanueva Torres; o director de Investimentos de Unirisco, Pablo Mosquera Martínez, e unha representante de GAIN.

De dereita a esquerda, Pilar Bermejo, Antonio Lópoz e José Alberto Díez. Foto: Santi Alvite
De dereita a esquerda, Pilar Bermejo, Antonio Lópoz e José Alberto Díez. Foto: Santi Alvite
Na xornada debátense propostas que permitan conciliar a axilidade e a flexibilidade co rigor esixible ás actuacións en investigación. Foto: Santi Alvite
Na xornada debátense propostas que permitan conciliar a axilidade e a flexibilidade co rigor esixible ás actuacións en investigación. Foto: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 10.11.2024.